Nós Actividades Outrasvozes Titulares Ligazóns

DENUNCIA • 25/08/01

COMUNICADO DE PRENSA DA BRIGADA GALEGA A COLOMBIA

25 Agosto 2001. Cartagena.

Nove delegadas e delegados dos Comités de Solidariedade de Galiza (COSAL) xiramos unha visita de tres semanas a distintas zonas e realidades de Colombia ó longo do presente mes de agosto: desde o Putumayo, Nariño, Caqueta e Cauca, ata Cundinamarca, Arauca e Bolivar.

A enorme inseguridade persoal e xurídica das persoas que de calquera forma se preocupan polos dereitos colectivos dos distintos sectores da sociedade colombiana: ameazas de morte, desaparicións, destrucción de casas e cultivos, desprazamentos, secuestros... semellan ser os mecanismos únicos e sistemáticos para acalar a lexitima reivindicación de dereitos e liberdades básicas. O Estado e o seu goberno, presidido polo Sr. Pastrana, as autoridades xudiciais, contraveñen un deber básico, cal é o de perseguir ós culpables das sistemáticas violacións dos dereitos humanos.

A ligazón entre os aparellos do Estado e as bandas criminais organizadas baixo o nome de Autodefensas Unidas de Colombia resultounos evidente a partir das entrevistas e conversacións que mantivemos ó longo e ancho do pais. Indíxenas (Quillacingas, Pasto, Sionas e U'was), comunidades afro-colombianas (Palenque), sindicalistas (CUT), campesiños, asociacións de dereitos humanos, estudiantes... achegáronos testemuños coincidentes e concluíntes sobre a identidade final entre Exercito e AUC en tódolos terreos: desde o do apoio infraestructural, ata a non intervención nas accións represivas das Autodefensas, pasando pola propia estructuración militar do actuar criminal.

Coñecemos os efectos da aplicación ata agora desenvolvida do Plan Colombia. Podemos constatar que ata a data as sulfatacións químicas tan só ocasionaron destrucción de colleitas (non só cocaleras), intoxicacións de animais e persoas, contaminación de augas e terras..., sen que se vexa efecto positivo algún no mesmo terreo da destrucción dos cultivos ilícitos, ocasionando sen embargo o despale crecente de novas zonas selváticas e a migración masiva de comunidades. Así mesmo temos que destacar o incumprimento gobernamental da cobertura social inicialmente fitada no desenvolvemento dos pactos sociais asinados en aplicación do xa citado Plan Colombia: as axudas económicas previstas, ademais de insuficientes para o obxectivo que teoricamente se propoñen, non acaban de chegar ás mans das persoas e comunidades destinatarias.

Texto integro do comunicado: PDF Galego e PDF Castelán