![]() |
|
| Nós | Actividades | Outrasvozes | Titulares | Ligazóns |
|
Para o sábado 13 de setembro a Confederación Intersindical Galega e o Sindicato Labrego Galego teñen convocada unha manifestación que sairá ás 12 horas da Alameda de Santiago de Compostela. Esta mobilización realízase co gallo do encontro da OMC en Cancún, México. A seguinte otavela indica os motivos da convocatoria. O mundo non é unha mercaduria.En defensa dos nosos direitos e dos nosos recursos. Do 9 ao 14 de setembro, vai-se a celebrar en CANCÚN (México) unha nova Reunión Ministerial da Organización Mundial do Comercio (OMC), a quinta que se celebra desde a constitución, no ano 95, desta organización multilateral encargada de promover e dirixir a liberalización do comercio a nível mundial, conformando asi, conxuntamente co Fundo Monetario Internacional (FMI) e co Banco Mundial (BM), toda unha estrutura a nível internacional ao servizo do capital transnacional, para que este poida ir efectivizando a globalización, a imposición a nível mundial, do seu modelo socioeconómico neoliberal. O mercado global que propugna a OMC e os acordos suscritos para regular o comercio internacional, promoven a absoluta liberalización dos mercados mediante a supresión das barreiras arancelarias ou calquer outro mecanismo que os Paises poidan ter para protexer as suas economias e os seus intereses nacionais. Desde a OMC estan-se a promover medidas liberalizadoras que trascenden o proprio comercio internacional e que afectan a todos os sectores da vida económica e social (medio ambente, sandidade, ensino, cultura, alimentación, propriedade dos seres vivos...). O mundo todo converte-se nunha mercaduria en mans das multinacionais e en fonte de beneficios para o capital transnacional. O cumio de Cancún vai-se centrar na busqueda de acordos sobre as seguintes materias: Agricultura Prantexa-se a libre entrada en todos os mercados de todo tipo de productos gandeiros, agricolas e pesqueiros. E dicer, garantiza-se-lles ás multinacionais que van ter total e absoluta liberdade para penetrar en todos os mercados e poder controlar aquela producción ou comercio que ainda está hoxe en mans de productores ou comerciantes locais. Outras medidas propostas é a baixada dos prezos dos productos
agrícolas e unha política de axudas que vai permitir ás
grandes corporacions agroalimentares seguir facendo dumping (vender os
alimentos por baixo dos costos reais de producción). Servizos Promove-se a liberalización total de servizos públicos esenciais como son o abastecimento de auga, luz, saúde, ensino, pensións, transporte, cultura, etc.. Direitos humanos básicos que soio a titularidade pública dos mesmos vai ser garante de que cheguen a toda a poboación de forma gratuita e en condicións dignas. Estos servizos son hoxe moi codiciados polo capital privado debido ao alto volume de recursos económicos que moven e polo tanto posibilidade de negocio. Direitos de propriedade intelectual Neste apartado regulan-se os direitos de patentes sobre medicamentos e patentes sobre a propria vida, pois abre-se a posibilidade de que as empresas patenten xenes ou organismos vivos ( plantas, microorganismos...). Transforman-se os procesos biolóxicos e naturais en mercadurias permitindo o seu acaparamento e explotación por aqueles que teñen máis capacidade para elo, as multinacionais. Acordo Multirateral de Inversions Retoma-se de novo un tema altamente controvertido e do que se oculta, por parte dos responsabeis, as medidas concretas que se propoñen, dado a gravedade das mesmas para a soberania e o libre desenvolvemento dos pobos. Mediante este Acordo pretende-se sentar as bases para regular as inversións extranxeiras directas nas economias nacionais, eliminando todo tipo de trabas as inversións e penetración de capital extranxeiro, o que implicaria que o Estado perderia toda a posibilidade de favorecer, apoiar ou protexer a sua industria ou os sectores económicos básicos para o seu desenvolvemento, quedando a sua economia, a sua industria e os seus servizos a merced dos intereses do capital transnacional... Vemos pois que o que se vai a tratar no cumio de Cancún, asi como toda a política da OMC, é dunha enorme transcendencia para o futuro da humanidade. A Organización Mundial do Comercio está a actuar de punta de lanza dos intereses das multinacionais, facilitando-lle o acceso a novas fontes de explotación e de obtención de beneficios, asi como a un maior control sobre novos mercados e sobre a economia mundial. Con estas políticas estan-se a acentuar as diferencias entre clases sociais e entre nacións, perxudíca-se gravemente os intereses das clases traballadoras, dos labregos e das labregas, dos pobos indíxenas, incrementa-se a pobreza dos pobos menos desenvolvidos, provocan-se as migracións masivas e favorece-se a concentración da riqueza cada vez máis en menos mans e en menos Estados. Ante a gravidade de todo esto o SLG e a CIG facemos un chamamento a todas as galegas e galegos a mobilizarnos, a participar nos diferentes actos que se convoquen durante os dias que dure o comio de Cancún e a acudir a manifestación que imos celebrar o sábado 13 de setembro, ás 12 da mañá, na Alameda de Santiago de Compostela. NON ÁS PATENTES SOBRE A VIDA. EN DEFENSA DA SOBERANIA DOS POBOS. Santiago, setembro de 2003. Para saber máis: SLG http://personal.telefonica.terra.es/web/fouce/
|