Nós Actividades Outrasvozes Titulares Ligazóns

Boletín Outrasvozes, núm. 0. Marzo de 2004

BRASIL: Acampar, Resistir, Producir.

por Maria Gigirey Suárez.

Hai vinte anos botaba a andar no estado de Paraná, no Brasil o MST Movimento dos Traballadores Sen Terra, iniciando un camiño de loita e resistencia dunha das organizacións sociais campesiñas de maior trascendencia na actualidade internacional. Hoxe en día o MST segue loitando polo mesmo que hai vinte anos, mudaron moitas cousas dende os inicios pero ainda queda moito por conseguir.

O acceso xusto e igualitario á propiedade da terra así como a consecución dunha verdadeira Reforma Agraria son os principais motivos de loita desta organización, que conta hoxe en día con case dous millóns de socios. O acceso a terra segue a ser un dos principais motivos xenerador de conflictos en toda latinoamérica, o desprazamento de poboación rural cara as cidades, o aumento da pobreza, analfebetismo, saude, vivenda, provocando situacións insostibles a corto e longo prazo, e grandes desequilibrios socias e económicos. A falta dunha política de Reforma Agraria xusta, e dadas as desigualdades na tenencia e propiedade da terra, que favorece en Brasil, ao igual que no resto de Latino américa a unha minoria de terratenientes, levaron ao MST a ocupación de terras como única solución ao seu problema. Actualmente existen 350 mil familias asentadas, e 150 mil en campamentos.

A súa sólida organización é clave para entender o seu bo funcionamento, a ideoloxía comunista empapa todo, trátase dun movimento social, pero tamén político, e polo tanto ten que estar ben organizado para poder resistir. Un dos seus pilares básicos é a educación, tratando de formar, na medida das súas posibilidades ao maior número de persoas, dende á alfabetización mais básica ate formación de mestres, capacitacións agrarias, etc. O que pretenden e devolver a dignidade e a xustiza ao pobo brasileiro,

Moitos son os frentes nos que traballa actualmente esta organización, pero sen dúbida todos xiran en torno á súa actividade principal, a terra como medio de vida, de ahí a súa presencia nos mercados a través de cooperativas agrarias, o seu compromiso co medio ambiente e a diversidade, denunciando o excesivo protagonismo das transnacionais agro químicas, e farmaceuticas no sector agrario, así como o uso das sementes tranxénicas e os productos químicos vinculados o tipo de producción neoliberal que estas favorecen. Unha das maiores defensas do MST é a da Soberanía alimentaria, concepto que choca directamente cos intereses das grandes multinacionais, e en xeral cos defensor@s da globalización económica mundial.

A Soberanía Alimentaria supón a adopción dun modelo de producción e consumo adaptado as necesidades locais de cada pobo, sendo contraria ao modelo imperante na actualidade, onde países tan ricos en diversidade de producción agraria e natural vense na obriga de ter que importar productos que poderían fabricarse no seu país. Este modelo económico favorece non so as empresas transnacionais senón tamén as oligarquías nacionais, que teñen na propiedade da terra o seu principal recurso económico e político.

Dentro deste modelo xurden proxectos tan discutibles, polo seu contido, e polas súas consecuencias, como o ALCA (Acordo de Libre Comercio das Américas) que suporía a vía libre para as transnacionais, e o fin das poucas alternativas agrarias de pequena escala que se están desarrollando nestes momentos. Acordo ao que o novo presidente, Lula, prometeu non apoiar, veremos se logra cumprir a promesa.

Frente a esta globalización económica o MST propón globalizar as resistencias, a súa presecia é fundamental en todos os movimentos antiglobalización, así como na Via Campesiña, onde se aunan propostas agrarias de distintas organizacións campesiñas de todo o mundo, xa que si ben o neoliberalismo afecta en maior medida aos países do sur, o campo é o maior perxudicado en xeral.

Vinte anos de loita e de exemplo para @s campesiñ@s de toda América Latina e para infinidade de persoas de todo o mundo comprometidas coa xustiza e a liberdade. Outro mundo é posible.