Nós Actividades Outrasvozes Titulares Ligazóns

Outro mundo é posible

Brasil

Colómbia

Guatemala

México

Nicaragua

Sáhara

Palestina

Timor Leste

COLÓMBIA • 13/12/2002

¿INDULTO A PARAMILITARES?

Por Gustavo Petro.

Tras varios meses de negociacións secretas entre Uribe Vélez e Carlos Castaño, baixo o auspicio dos EEUU, o pasado 29 de novembro unha parte das AUC (Autodefensas Unidas de Colombia) lanzaron unha proposta de cese de hostilidades a partir do 1 de decembro. Entre as condicións negociadas está o indulto dos paramilitares, moitos dos cales ingresarían probablemente nas forzas públicas en calidade de informantes, soldados ou policías rurais. Tamén existe unha petición de extradición a EEUU dalgún dos líderes paramilitares, como Carlos Castaño, o que lle evitaría ser xulgado polos crimes cometidos. A traxectoria e as orixes do paramilitarismo en Colombia son analizados neste artigo, reproducido parcialmente.

Un novo encubrimento para lavar unhas relacións incestuosas: as do Poder coa mafia e os crimes contra a humanidade cometidos en Colombia. Unha cousa é negociar cos xefes paramilitares o desmantelamento pacífico da súa organización e outra moi distinta é indultalos, como é moi diferente outorgarlles un indulto e pensar que así se acaba co paramilitarismo. Desmantelamento paramilitar, indulto, e fin do paramilitarismo son conceptos diferentes e incluso contradictorios.

¿ACABAR CO PARAMILITARISMO?

As elites que gobernan Colombia usaron o paramilitarismo durante todo o século XX para protexer os seus intereses e expandir a súa acumulación particular de riqueza. Os que asasinaron ó xeneral Rafael Uribe Uribe a principios do século XX non eran mais que mercenarios ó servicio dos facendeiros que vían no liberal, único congresista de oposición ó réxime da Constitución de 1886 instaurado por Rafael Núñez, un importante rival a hora de construír un Estado autoritario de terratenentes.

A mesma táctica usouse contra Jorge Eliecer Gaitán en 1948, quen ameazaba con gañar a Presidencia da República a través dos votos da poboación artesán das incipientes urbes colombianas, e que prometía unha liquidación das "oligarquías" e un reparto equitativo da terra agraria. A insurrección popular, urbana primeiro e logo rural, que seguiu o asasinato de Gaitán, obrigou á oligarquía a modificar a práctica selectiva dos sicarios a soldo por unha modalidade moi parecida ó paramilitarismo contemporáneo: os chamados "pájaros". Estes eran bandas rurais auspiciadas e protexidas pola policía que se dedicaban a queimar poboados, realizar masacres, e desprazar violentamente á poboación rural contraria ó goberno ou de partidos diferentes ó conservador gobernante. Todos os métodos terminaron sendo, como na actualidade, métodos de terror. Estímase en trescentos mil os mortos deixados por aquel período que se estendeu dende 1948 ata 1964 e que é coñecido popularmente como "a violencia".

As bandas de "pájaros" conservadores tiñan como propósito facer fuxir á poboación liberal de extensas zonas agrarias, e permitir que os facendados conservadores ampliaran as súas posesións e controlasen a principal riqueza do momento: os cultivos de café. A reacción armada dos campesiños liberais orixinou a formación de guerrillas, e algúns dos seus xefes co correr do anos, e despois de novas agresións conservadoras durante a época do Frente Nacional, orixinaron o actual movemento das FARC.

Os "pájaros" eran verdadeiras formacións paramilitares, e moitos dos seus xefes, co apoio do exército colombiano e sempre ó servicio dos grandes facendados das rexións onde se asentaron, continuaron actuando na década dos setenta e oitenta contra as novas guerrillas de esquerda. Este modelo de "bandas blancas" rurais, anticomunistas e armadas, foi captado polas mafias do narcotráfico de cocaína que se converteran nos novos propietarios da terra en Colombia a partir de 1985. Co maior financiamento provinte do lavado de activos, os novos facendeiro melloraron o armamento, a preparación militar, a extensión xeográfica das súas actividades, e consolidaron unha alianza co exército para destruír á guerrilla e a todo o que parecese o seu apoio. A chamada "guerra sucia" asasinou a tres mil militantes da organización de esquerda Unión Patriótica, ademais da morte de miles de líderes populares, sindicais, campesiños, intelectuais, relixiosos e políticos de esquerda. A "guerra sucia" era un verdadeiro "pogrom" que durante varios anos xerou un xenocidio político no país. A esquerda legal e as organización agrarias foron exterminadas.

A alianza entre o exército colombiano e o cartel de Medellín co visto bo da CIA, (que deu inicio á operación "Irán-Contra" por medio da cal se entregaron á "contra" nicaraguana armas compradas a Irán co diñeiro do cartel de Medellín provinte da exportación de cocaína), permitiu que as antigas organización rudimentarias de "pájaros" rurais e as bandas mercenarias dos narcotraficantes tiveran unha estructuración moito máis moderna con modalidades de unidades do exército. O diñeiro da mafia compraba as armas e os mercenarios traídos de Israel e Sudáfrica, o exército ordenaba o asasinato dos rivais sociais e políticos da oligarquía colombiana mentres a CIA deixaba entrar cocaína a EEUU. O paramilitarismo que xa se formara cos nomes de "MAS", "Colsingue", "la mano negra", "los tiznados", "los macetos", e outros, tiña como propósito a defensa da propiedade rural do narcotráfico en contra da guerrilla pero prestaba os seus servicios de sicariato político ás elites privilexiadas de Colombia.

A ruptura da alianza cartel de Medellín-Ejército colombiano-CIA sobreveu despois do asasinato de varios candidatos presidenciais e da solicitude de extradición dos xefes do cartel polo goberno dos EEUU. Foi substituída por unha nova alianza conformada polo Cartel de Cali, o DAS, e a DEA que se propuxo o exterminio do cartel de Medellín, para o cal organizaron o grupo armado "los Pepes", onde participaron todos os actuais xefes do paramilitarismo. Entre 1990 e 1994, o goberno de Gaviria activou unha saída xurídica beneficiosa para os mafiosos do cartel de Medellín que se entregaran, e iniciou a legalización e a extensión das agrupacións paramilitares rurais a través da creación das Convivir, que acadaron unha gran cobertura xeográfica en Córdoba, Urabá e Antioquia.

Os "Pepes" comezaron a controlar as rutas de exportación de cocaína e a dirixir a maior parte das "Convivir". Ademais a súa comunicación directa coa DEA, permitíalles controlar as negociacións dos EEUU cos pequenos carteis sobreviventes da destrucción do cartel de Medellín e Cali. Os Castaño, xefes dos "Pepes" e Mancuso xefe das legais "Convivir", organizaron as autodefensas de Córdoba e Sucre e logo a unidade nacional de todas as autodefensas nas AUC, logrando o maior desenvolvemento histórico do paramilitarismo.

Na medida en que o excedente de cocaína foi monopolizado polo paramilitares, o seu exército aumentou e logrou victorias contra as zonas de influencia da guerrilla do ELN, sempre co propósito de aumentar a producción de cocaína e controlar o seu tráfico. Foron capaces incluso de sabotar as posibilidades de negociación de paz entre o ELN e o goberno de Pastrana. Os paramilitares de Castaño, comezaron a reeditar os métodos de terror dos "pájaros" de mediados de século XX, a morte atroz con serras eléctricas, a queima de casaríos, o desprazamento masivo, a tortura, etc. As masacres indiscriminadas foron o método para acantoar ó ELN, pero tamén para concentrar a propiedade da terra nunha forma sen precedentes na historia de Colombia e para asegurar as rutas de exportación de cocaína e a entrada de armas. Mentres en 1986 o 0.4% dos propietarios da terra posuían o 32% da superficie cultivable en Colombia, para o ano 2000 o 0.4% dos propietarios controlaban xa o 62% da superficie cultivable nun proceso bárbaro que deixou dous millóns de campesiños desprazados. Este mecanismo de acumulación salvaxe de riqueza é o verdadeiro motor do paramilitarismo de agora e de antes.

O empuxe paramilitar imitou a barbarie dos "pajaros", a capacidade de compra da clase política do cartel de Cali (penetrando con maior profundidade que este nas forzas de seguridade, de intelixencia e nos órganos de xustiza do estado Colombiano), apropiouse de discursos fascistas e anticomunistas a través dos que estableceu fortes alianzas coas ultradereitas de Europa e EEUU, e conquistou o corazón da oligarquía colombiana, que prestou os seus medios de comunicación para ocultar a barbarie paramilitar e construír unha imaxe política dos seus xefes, ó tempo que os financiou, e os protexeu contra a intervención xurídica permitindo a paramilitarización mesma da sociedade e do Estado. Sen embargo, e a diferencia do seu propio discurso antiguerrilleiro, o paramilitarismo actualmente organizado non é senón un novo cartel mafioso militarizado. Son os principais exportadores de cocaína do mundo e os principais violadores de dereitos humanos en Colombia.

Ante este resume histórico do seu desenvolvemento, que trata de demostrar a implicación do paramilitarismo, como instrumento bárbaro de acumulación de riqueza, coa oligarquía colombiana e os seus métodos asasinos de dominio social flota a pregunta de, ¿cómo terminar co paramilitarismo?. O fin do paramilitarismo é o fin dunha conducta asumida polas elites nacionais que só se pode implantar se primeiro se coñece toda a verdade sobre el. Si se afirma que Castaño e os seus homes van a abandonar o seu accionar esto non será máis que unha fase no desenvolvemento dunha política de terror dende os postos de mando da sociedade. Ten habido moitos xefes paramilitares durante todo o século XX, uns poucos menos non variarán a realidade.

O fin do paramilitarismo non só implica recuperar a verdade, senón ademais un novo tipo de relación entre os diferentes intereses e forzas dos que está constituída a nosa sociedade. Unha nova organización democrática da nosa sociedade que está xa descrita na constitución de 1991, pero que non se implantou porque choca con formas caníbales e rentísticas de acumulación de riqueza. Só un Pacto Social podería garantir que se construíran pacificamente relacións económicas, políticas e sociais democráticas, como fundamento indispensábel do fin da actividade paramilitar e sicarial en Colombia. O goberno de Álvaro Uribe Vélez está moi lonxe de asumir este compromiso de pacto social. A súa proposta económica incrementa as ganancias rentísticas e mafiosas, e a súa proposta política afunda o autoritarismo e desvertebra a democracia, e na realidade paramilitariza a sociedade e o Estado.

Fonte:

Independent Media Center, http://www.indymedia.org/

Para saber máis:

http://www.anncol.com/
http://www.redresistencia.org/archivo.html
http://www.construyendo.azn.nu/