Nós Actividades Outrasvozes Titulares Ligazóns

Outro mundo é posible

Brasil

Colómbia

Guatemala

México

Nicaragua

Sáhara

Palestina

Timor Leste

NICARAGUA • 22/11/2002

Encontro sobre municipalismo e cooperación en Nicaragua.

Por Manuel M. Barreiro

Santa Coloma de Gramenet (Barcelona) acolleu o encontro convocado pola Fundación Popol Na baixo o lema "Municipalismo en Nicaragua: Reflexións sobre os camiños para fortalecer o desenvolvemento local". No encontro participaron máis de corenta de persoas vinculadas a administracións locais, colectivos de solidariedade e ONGD de Cataluña, Valencia, Baleares, Euscadi, Aragón, Canarias e Galiza. O momento de crise política que atravesa Nicaragua, a situación dos concellos e das políticas locais, e a presentación da estratexia de traballo da Popol Na para o período 2002-2007 organizaron o desenvolvemento da sesión de traballo.

No ano 2002 Mataró acolleu o II Encontro de Municipalismo en Centroamérica, México e O Caribe impulsado pola Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade e distintas fundacións e ONG salvadoreñas, guatemaltecas e nicaraguanas. Nese mesmo ano, a Asamblea por Nicaragua reunía en Santa Coloma de Gramenet a máis dun centenar de representantes de ONGD para reflexionar sobre as orientacións do traballo de cooperación e solidariedade en Nicaragua tralo Mitch. Dando continuidade a estes encontros, a fundación nicaraguana Popol Na convocou unha xornada de traballo, outra volta en Santa Coloma, o pasado 22 de novembro para debater sobre os retos da cooperación descentralizada e o desenvolvemento local en Nicaragua.

O director executivo da fundación Popol Na, William Grigsby, e a súa presidenta, Mónica Baltodano, ex-deputada nacional da FSLN, conduciron as sesións nas que ademais participaron o alcalde de Tipitapa, César Francisco Vázquez Valle, e a alcaldesa de El Sauce, Nubia del Carmen Luna Olivares. En palabras dos organizadores: "O encontro pretende achegar aos municipios e organizacións de solidariedade que colaboran coa Fundación Popol Na unha visión actualizada do municipalismo en Nicaragua e abrir un debate sobre a súa estratexia de traballo."

Na sesión da mañá, William Grigsby, responsable executivo da Popol Na e director de Radio La Primerísima, realizou un relatorio sobre o momento actual de Nicaragua, que serviu de pano de fondo para as exposicións do alcalde de Tipitapa e da alcaldesa de El Sauce. Na tarde, Mónica Baltodano caracterizou a situación das administracións locais en Nicaragua e presentou as liñas mestras da estratexia de traballo da fundación que preside para o sexenio 2002-2007.

A "eterna crise" de Nicaragua

Segundo William Grigsby Nicaragua padece unha "crise estructural que se concreta nunha avivecida recesión económica e nunha quebra da gobernabilidade do país". A dimensión institucional da crise vén provocada polas denuncias por corrupción contra o presidente da Asamblea Nacional e ex-presidente da República, Arnoldo Alemán. As investigacións xornalísticas sobre a fortuna personal de Alemán destaparon un réxime de corrupción xeneralizada durante o seu mandato. O malestar cidadán foi en aumento a medida que se coñecían novos datos sobre a formación do patrimonio do ex-presidente e a loita contra a corrupción converteuse na cerna da axenda política.

O actual presidente de Nicaragua, Enrique Bolaños Geyer, aproveitou o ofensiva contra Alemán, con quen fora Vicepresidente, para tentar facerse co control do PLC e do grupo parlamentario liberal, dominado polos "alemanistas", sen poder conseguilo. O debate para desaforar a Arnoldo Alemán dividiu o grupo liberal, pero os apoios de Bolaños e a FSLN non suman aínda os votos necesarios para que os tribunais poidan xulgar ao ex-presidente. Na práctica, na Asamblea Nacional dáse un empate entre "alemanistas" e antialemanistas -sandinistas e bolañistas- o que se traduce nunha blocaxe institucional e na parálise da acción do goberno.

As organizacións da sociedade civil, moitas delas agrupadas nunha Coordinadora Civil, tratan de impulsar un proceso de rexeneración democrática que remate de vez coa patrimonialización do Estado, coute o malgasto dos orzamentos públicos e asegure unha maior transparencia na actuación do executivo. Os pactos subscritos por A. Alemán e Daniel Ortega, e as complicidades de Enrique Bolaños co seu ex-presidente e correlixionario, víronse desbordados por unha vaga de malestar cidadán que amenazaba con forzar unha quebra absoluta do actual sistema de partidos. En opinión de Grigsby, "a iniciativa cidadá foi a que provocou a reacción da clase política" para iniciar unhas tímidas actuacións contra o réxime de corrupción xeneralizada.

Á inestabilidade institucional anteponse unha durísima crise socioeconómica, aínda máis agravada polo derrumbamento dos prezos do café. O café tornouse nas dúas últimas décadas no principal producto das exportacións nicaraguanas e na maior fonte de riqueza e traballo en moitas das rexións de Nicaragua. A caída dos prezos do café produciron, en palabras de Grigsby, "unha fonda crise en toda a cadea de producción, sen que ata o momento se perfile un proxecto integral de reconstrucción, baixo a guía dun modelo de desenvolvemento nacional". O crash das actividades cafetaleras xerou desde 2001 varios episodios de fame negra nos departamentos de Matagalpa e Nueva Segovia que causaron un centenar de mortos; ademais faise evidente a crecente pauperización das clases medias nos departamentos cafetaleiros de Maragalpa, Nueva Segovia, Managua e Jinotega, co afundimento das economías familiares dos pequenos e medianos productores agrícolas e a perda das súas propiedades a mans dos bancos.

En opinión do director de Radio La Primerísima, "falta un proxecto de país", que nin os liberais encorados polas acusacións de corrupción, nin a FSLN entorpecida polos pactos con Arnoldo Alemán desde 1999, son quen de formular. Como sinalou durante o debate o escritor e analista Josu Perales: "En Nicaragua, o local atópase na cerna da construcción do proxecto nacional." Así, ante a ausencia de imaxinario nacional mobilizador, a acción municipalista pode, desde o ámbito máis próximo á cidadanía, servir transitoriamente de laboratorio de novas formas de facer política e rescatar a política como unha opción transformadora e participativa a prol da rexeneración das institucións da República.

A opción municipalista

Nubia del Carmen Luna Olivares, alcaldesa de El Sauce, e César Francisco Vázquez Valle, alcalde de Tipitapa, presentaron as súas experiencias de goberno municipal. El Sauce é un municipio do departamento de León no que existe un esmagador predominio das actividades agropecuarias, malia que só un 30% das terras son de vocación agrícola e un 70% de aproveitamento forestal. El Sauce repite desde hai varias lexislaturas alcaldía sandinista e atópase entre os concellos máis pobres de Nicaragua. Tipitata é un concello limítrofe da capital, conta cun núcleo urbano desenvolvido e unha amplísima zona rural. Tipitapa foi tradicionalmente un municipio non-sandinista, gobernado na pasada lexislatura polo PLC. O traballo social impulsado pola Fronte Sandinista e distintas ONGD, a raíz da catástrofe provocada polo furacán Mitch, favoreceu a creación dunha mesta rede de participación comunitaria que se apunta como unha das claves do éxito electoral dos sandinistas, que obtiveron nas pasadas eleccións municipais o 53% dos votos.

Ambos os dous alcaldes repasaron as principais problemas que enfrotan os concellos nicaraguanos: debilidade orzamental; carencia de medios técnicos e humanos; inestabilidade da administración por mor dos cambios electorais, cada catro anos, dos decisores políticos; desbordamento das súas funcións pola transferencia de novas competencias que non se acompañan da axuda financeira necesaria... Como subliñou Luna Olivares, unicamente o 40% do orzamento de El Sauce é achegado polas transferencias do Estado e mais a recadación municipal; o 60% é doado por ONGD e axencias de cooperación. Do presuposto municipal propio, o 70% consómese en gastos correntes e o 30% é investido en proxectos de infraestructuras, saneamento, educación e atención sanitaria.

Nubia del Carmen Luna, unha das poucas alcaldesas que existen en Nicaragua (nos 152 concellos nicaraguanos, hai unicamente 15 alcaldesas, delas tan só dúas son da FSLN), estendeuse nalgúns dos mecanismos participativos que están ensaiando como a elección paritaria dos alcalditos (alcaldes pedáneos), cargo para o que se escollen simultaneamente a un home e a unha muller; a aplicación dalgunhas fórmulas de orzamento participativo; a elaboración de planos de desenvolvemento estratéxicos cun alcance de sete anos; a posta en marcha de Comités de Desenvolvemento Productivo de base comunitaria; e a institucionalización de Contralorías Sociais encargadas de vixilar pola transparencia e bo funcionamento da xestión dos muncipios. Pola súa parte, César Vázquez fixo mención ás necesidades máis urxentes do seu municipio e presentou algúns dos programas sociais que están dirixindo cara aos mozos en situación de risco ou para erradicar a violencia contra as mulleres.

Municipalismo e retos da Fundación Popol Na

Mónica Baltodano, presidenta da Fundación Popol Na, fixo un repaso dos cambios lexislativos no tocante ás administracións locais entre 1997 e 2001, deténdose nos procesos de descentralización e na regulamentación do financiamento municipal. Na súa opinión, as reformas lexislativas da Lei de Municipios e a aprobación da Lei de réxime presupostario municipal e da Lei de regulamento, ordenamento e titulación de asentamentos humanos espontáneos, introduciron "avances significativos", pero "a discrecionalidade sectaria do goberno da República na aplicación das devanditas leis derramou moitos dos seus aspectos positivos".

Como apuntou Baltodano, que actualmente tamén é asesora da AMUNIC (Asociación de Municipios de Nicaragua), "a situación municipal nicaraguana caracterízase pola descentralización dos problemas cara ás administracións locais e a centralización dos recursos en mans da Presidencia da República". Ao seu entender é fundamental "revisar o concepto de desencentralización tal como o concibe, entre outros, o Banco Mundial, que baixo unha suposta descentralización agocha auténticas políticas de privatización de servicios públicos básicos". Salientou igualmente a necesidade de redefinir o sistema de financiamento municipal para superar os seus déficits actuais e avogou por avanzar estudios que permitan estimar os custos reais das competencias que actualmente atenden os concellos en Nicaragua.

A presidenta da Popol Na identificou asemade algúns dos puntos básicos dunha axenda política para lograr un maior desenvolvemento dos municipios: aprobar unha lei de descentralización e outra de participación cidadá; fortalecer o papel da AMUNIC; regulamentar a carreira administrativa e o réxime das contratacións municipais; e seguir afondando na estratexia de cooperación descentralizada dirixida ao ámbito local.

Na parte final da súa intervención, e como remate da xornada de traballo, Mónica Baltodano concretou a estratexia da Fundación Popol Na para o período 2002-2007 sobre a base de cinco grandes programas:

  1. Descentralización e autonomía municipal para fortalecer a capacidade de actuación institucional dos gobernos municipais a través de Planos de Desenvolvemento, a captación de máis recursos propios, a reorganización administrativa, o asesoramento e capacitación profesional, e o fomento da participación cidadá.
  2. Construcción de cidadanía, liderado e organización comunitaria e participación cidadá con enfoques de xénero. Trátase de apoiar á creación de novas expresións de organización comunitaria; impulsar a capacitación e formación de novos líderes; fomentar a participación a través da formulación do orzamento municipal; mellorar a comunicación entre decisores, xestores e cidadáns; realizar campañas de educación cívica; e impulsar a creación dun Instituto de Formación de Liderados Comunitarios.
  3. Desenvolvemento de programas municipais contra a pobreza con actuacións para crear infraestructuras (acceso á auga potable, mantemento e reparación de camiños, ampliación da rede de sumidoiros e latrinas) e a dotación de equipamentos sociais (comedores infantís, casas comunais, escolas e centros de saúde...) Moi singularmente, impulsaranse programas de construcción de vivendas unifamiliares.
  4. Fomentar a producción autosustentable a través da identificación da capacidades locais. Creación de hortas e granxas familiares con modelos de xestión ambiental e eficiencia productiva para favorecer a integración comunitaria e o desenvolvemento de fórmulas de economía popular.
  5. Fortalecemento institucional da Popol Na mediante a constitución dunha rede de promotores da fundación, o deseño e mantemento da súa páxina web, como soporte informátivo e comunicacional, e a creación dun centro de documentación municipalista. Ademais a fundación aspira a diversificar as súas fontes de financiamento e ampliar os seus recursos loxísticos.

Coda

O encontro de Santa Coloma serviu para estreitar un pouco máis os lazos entre algunhas das ONGD e grupos solidariedade que intervimos en Nicaragua e actualizar unha visión compartida da súa conxuntura política e social. Botouse en falta unha maior presencia de representantes dos Concellos e dalgúns Fondos Municipais de Cooperación, pero a iniciativa non debería caer en saco roto e, co esforzo de todos, lograr darlle unha maior continuidade e apoio institucional.

Fonte:

Manuel M. Barreiro.