![]() |
|
| Nós | Actividades | Outrasvozes | Titulares | Ligazóns |
|
NICARAGUA • 22/11/2002 Nicaragua, corrupción e Estado-botín. Nicaragua segue afundíndose na crise estructural que arrastra desde a década dos noventa. A fráxil gobernabilidade da república centroamericana vese outra volta radicalmente ameazada polo alcance da corrupción política e da patrimonialización dos recursos públicos por parte do PLC durante o mandato de Arnoldo Alemán. Ante as novas evidencias de malgasto e roubo dos fondos públicos a mans de Alemán e os seus colaboradores, o crecente malestar cidadán cuestiona a vella orde de partidos e desde a sociedade civil demándase unha nova orde institucional presidida pola transparecencia e a xestión democrática do asuntos públicos. O derrumbamento dos prezos do café nos mercados internacionais arrastra cara ao abismo á maltreita economía nacional e agranda a brecha entre unha minoría podente e a inmensa maioría de cidadáns e cidadás nicaraguanos que se ven enfrontados á pobreza máis extrema. A partir da relación entre o público e o privado, os analistas sociais diferencian a existencia de tres grandes sectores: o primeiro sector ou público; o segundo, privado ou empresarial, e un terceiro sector, social ou asociativo. De modo que o sector estatal caracterizaríase por ser unha organización pública que persegue obxectivos públicos; o empresarial articularíase sobre a base de organizacións privadas que teñen obxectivos privados; e, por cabo, a sociedade civil ou terceiro sector delimitaría o espacio de organizacións privadas que procuran obxectivos públicos. Amais destes tres sectores tradicionais, existe, como ten sinalado o politólogo brasileiro Rubém César Fernándes, outra posibilidade de relación do público co privado como é o uso de organizacións públicas para fins privados; é dicir, a patrimonialización do Estado a mans dunha clase política corrupta. A corrupción é un cuarto e decisivo sector. A emerxencia deste novo cuarto sector é ende mal un sinal distintivo de moitos dos Estados débiles de América Latina, Asia e África. En Nicaragua, once anos de políticas de axuste estructural, seguindo as pautas do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, supuxeron a práctica liquidación do sector público, sometido a repetidos procesos privatizadores, e o desmantelamento do amplísimo entramado de empresas da economía social que se herdaran da Revolución Popular Sandinista. Primeiro e Terceiro Sector foron sacrificados en beneficio da iniciativa empresarial privada e dunhas oligarquías políticas que se empregaron a fondo na lucrativa industria da corrupción e no repartimento do Estado-botín. Como apuntou o ex-vicepresidente da Asamblea Nacional e ex-ministro de Servicios Sociais, Reinaldo Antonio Téfel, "Estado-botín é aquel que se considera patrimonio exclusivo do gobernante de turno, da súa camarilla e por extensión do seu partido. Os postos públicos son para remendarse [enriquecerse] e non para servir ao pobo. Quen non se remienda é considerado tonto. Esta é a quintaesencia do Estado-botín." A existencia dunha corrupción xeneralizada non dá agochada a máis sangrante realidade dunha crise económica e social que deturpa os fundamentos da nación. Por momentos, a loita contra a corrupción semella ser unha cortina de fume para embafar esa outra crise nacional que describe cruamente o sociólogo Óscar René Vargas: "A privatización das empresas, a liberalización do comercio e a destrucción das pequenas e medianas empresas locais, a crise da producción rural de alimentos para o mercado interno, a tendencia á anulación da reforma agraria mediante a conxelación dos cretos ás cooperativas agrícolas, e a perda progresiva ou o debilitamento do pensamento progresista entre os principais dirixentes do sandinismo crearon unha Nicaragua totalmente distinta da que naceu coa revolución sandinista e permitiu que os gobernos consolidaran, durante a década dos noventa, unha restauración conservadora." A sociedade nicaraguana pauperízase a un ritmo vertixinoso sen que a clase política, mergullada pola vaga da corrupción, sexa quen de pór remedio aos moitos males que sacoden a economía de Nicaragua. OBanco Mundial estima que o 75% dos fogares nicaraguanos viven por debaixo do umbral de pobreza e, entre 1993 e 1998, as desigualdades medraron; así, o 1% dos nicaraguanos máis ricos pasou de atesourar o 13% da renda nacional a sumar o 15,6%. Segundo os índices de desenvolvemento humano do informe do PNUD, Nicaragua caeu do posto 60, en 1990, ao 116 -dun total de 174- no ano 2000; e en 2001 Nicaragua tornábase outra vez no país máis pobre de Latinoamérica, unicamente superado polo desfiuzado Haití. O réxime de corrupción xeneralizada e os xogos da clase política Á loita contra a corrupción que se impulsa desde as organizacións da sociedade civil sumouse timidamente parte da clase política gobernante, encabezada polo actual presidente liberal Enrique Bolaños, e os dirixentes da FSLN, desexosos todos de arredarse do ex-primeiro mandatario da República e actual presidente da Asemblea Nacional [Parlamento] que se atopa no ollo do furacán das acusacións de nepotismo e corrupción. A rexeneración democrática das institucións da República e a posta en marcha de mecanismos de control e fiscalización cidadán dos labores do executivo ocupan un lugar preeminente na nova axenda política; con todo, poucos avances significativos producíronse neste terreo ao longo do 2002. O pasado 2 de marzo, a xuíza Gertrudis Arias decidiu abrir un proceso penal contra Arnoldo Alemán por fraude ao Estado. Poucos días máis tarde, a policía detiña a Byron Jerez, o outrora todopoderoso xefe da Dirección General de Ingresos (DGI) entre 1997 e o ano 2000. Vagarosamente os medios de comunicación deitaron á luz novos pormenores sobre a trama de corrupción vencellada ao Canal 6, operación a través da cal o daquela presidente, A. Aleman, pretendía facerse co control de 8 canles privadas de televisión e que supuxo unha fraude de 1,3 millóns de dólares ao Estado nicaraguano. Byron Jerez, á súa vez, foi acusado dunha fraude de 13 millóns de córdobas producto da compra e venda de camionetas de luxo con cretos pertecentes á DGI, e doutros negocios escuros en favor dunha empresa estatal de telecomunicacións que lle reportaron uns 50 millóns de córdobas. Os "checazos" de Jerez e o "canalazo" de Alemán non son máis que a abultada punta do iceberg da corrupción e repartición do Estado-botín durante o primeiro quinenio liberal: o uso de fondos públicos para a construcción dun heliporto na casa-facenda de Alemán, a súa participación irregular nunha empresa coa que o Estado asinou un contrato millonario para adquisición de 41 millóns de lastros para a rede camiños rurais; ou a utilización indiscriminada da tarxeta de creto presidencial coa que malgastou 1,8 millóns de dólares en alfaias, hosteis de luxo, esmorgas, pantragruélicos xantares e numerosas festas privadas, viñeron alimentar novas denuncias e accións xudiciais. As primeiras estimacións sobre o volume das fraudes e do patrimonio persoal de Arnoldo Aleman que denunciara Sergio García, un deputado disidente do PLC, e que se situaba en 250 millóns de dólares, medraron rapidamente ata acadar o desorbitada cifra de 1.000 millóns de dólares. A declaración do patrimonio de Alemán no momento da súa toma de posesión como presidente en 1996 cifrábase unicamente en 1 millón de dólares). OInstituto de Encuestas y Sondeos de Opinión (IDESCO), dependente da Universidad Centroamericana (UCA), realizou hai uns meses un inquerito no cal o 97% da poboación dixo estar de acordo coa necesidade de desenvolver unha loita a fondo contra a corrupción e que os condenados debían facer fronte ás penas non só co cárcere senón tamén coa devolución dos bens roubados. Segundo as persoas encuestadas polo IDESCO, a Presidencia da República, a Asamblea Nacional e a Igrexa católica son actualmente as tres institucións máis corruptas de Nicaragua. ¿Liberais honestos contra liberais corruptos? Fronte a este negativo estado de opinión, un conxunto de organizacións da sociedade civil intensificaron as súas denuncias e esixiron o procesamento de Alemán. O presidente da República, temeroso de aparecer como complice dos desmandos de Alemán, aproveitou o discurso de conmemoración dos cen primeiros días do seu mandato para iniciar unha ofensiva institucional contra a corrupción: "Tristemente é verdade que Nicaragua é cualificada entre os países máis corruptos do mundo. O pobo sabe que a corrupción vai contra os seus principios morais, que lles custa diñeiro e que dana o seu nivel de vida: é a pura verdade. Xa o pobo está farto e eu estou do lado do pobo..." Desde ese momento Bolaños reiterou o compromiso do seu gabinete para erradicar a cultura do Estado-botín: "A loita contra a corrupción non só é innegociable e inclaudicable, é impostergable...". Pola súa parte, o sector "bolañista" do PLC mesmo fixo público un Manifesto liberal en que se proclamaba que "a loita contra a corrupción é unha iniciativa liberal tomada por un goberno integrado na súa maioría por auténticos liberais (...) Lamentamos que entre os procesados por corrupción haxa algúns liberais (...) A maioría dos liberais do noso país somos persoas honestas" e no que enfatizaban as responsabilidades doutros gobernos, especialmente dos gabinetes sandinistas: "A corrupción en Nicaragua existiu desde sempre e en gobernos anteriores a niveis moi altos, sobre todo cando se gobernou de forma totalitaria, sen orzamento coñecido, sen Contraloría [Tribunal de Contas] efectiva, sen render contas a ninguén..." Con todo, Enrique Bolaños rapidamente se encargaría de quitarlle carga partidista á loita contra a corrupción: "Non podemos negar que haxa corruptos na FSLN, pero esta loita é contra os corruptos e non contra a FSLN. Non podemos negar que haxa corruptos no PLC, pero esta loita é contra os corruptos e non contra o PLC. Non podemos negar que haxa corruptos na empresa privada, pero esta loita é contra os corruptos e non contra a empresa privada. Non podemos negar que haxa corruptos nos bancos, pero esta loita é contra os corruptos e non contra os bancos. Non é unha loita contra a FSLN, moito menos contra o meu Partido Liberal Constitucionalista." Moitos dubidan da sinceridade política de Enrique Bolaños e insisten que na súa condición de vicepresidente de Arnoldo Alemán está igualmente implicado no asalto financeiro ao Estado. Aplaudido polos organismos internacionais, Bolaños instrumentaliza a loita contra a patrimonialización do público para desfacerse do control que Arnoldo Alemán mantén sobre o PLC e a grupo parlamentario liberal da Asemblea Nacional. Alemán, pola súa parte, está blindado pola súa inmunidade parlamentaria e dificilmente poderá ser desaforado coa actual correlación de forzas. Os bolañistas suman 8 actas parlamentarias, aFSLN ten 38, pero non logran superar ao bloque arnoldista que suma 46 escanos. Esta situación de empate político tradúcese nun bloqueo do funcionamento da Cámara e sitúa, na práctica, ao goberno de Bolaños na oposición. Os dilemas da FSLN A posición da FSLN está enormemente comprometida polos pactos que en 1999 subscribiu con Arnoldo Alemán no tocante á Lei electoral, ao control do Consejo Supremo Electoral e á axenda económica oculta que acompañou os acordos políticos. A estratexia sandinista está viciada polas súas expectativas electorais. Dunha banda, os sandinistas vense favorecidos polas proclamas retóricas contra a corrupción que cargan fundamentalmente as tintas nas responsabilidades dos liberais e tamén traballa a favor da FSLN a impotencia dos bolañistas que non consiguen dobregar o bunker alemanista o que impide a consolidación da imaxe de líder rexenerador de Bolaños. No horizonte electoral do 2006, cun PLC dividido, Alemán postulándose desde agora como candidato á presidencia da República e Bolaños ofrecendo un pobre balance de resultados prácticos, a FSLN podería obter sen grandes problemas o triunfo electoral. Entre dúas augas, a dirección da FSLN trata de tirar a maior tallada electoral das desavinzas dos liberais, cede ao cortopracismo e instálase unha vez máis no baleiro estratéxico. As recentes declaracións de Daniel Ortega indicando que o prioritario é normalizar a axenda da Asamblea Nacional, foron duramente contestadas pola ex-deputada sandinista Mónica Baltodano en El Nuevo Diario: "Estamos á beira do abismo. Peor aínda, ás portas do caos. E non é certo o que sostén o Secretario Xeral da Fronte Sandinista, de que o único que queda por facer agora é normalizar o funcionamento da Asemblea Nacional para que esta se ocupe da súa axenda ordinaria (...) A clase política e o liderado nacional demostraron e admitiron que non poden por eles mesmos solucionar o desafío da loita contra a corrupción e o desaforo de Alemán, e parecen dispostos a darse por vencidos. Isto tería consecuencias dramáticas xa que ninguén podería crer de novo nas institucións, a lei, a xustiza, os partidos e os líderes, e mesmo nas organizacións da denominada sociedade civil; de tal xeito que o compromiso dos cidadáns co seus país e as súas institucións se desmoronaría pola frustración e a impotencia." En opinión de Mónica Baltodano deter agora as mobilización cidadás significa legalizar a impunidade dos corruptos e condear á democracia á impotencia: "Abortar a loita contra a corrupción e o non desaforo, e polo tanto o non enxuizamento e encarceramento de Alemán, crearía no país unha nova orde moral, a da corrupción e a impunidade, abrindo as portas á anarquía. A lei, a ética, a democracia e todos os seus valores substantivos terían sido derrotados pola corrupción." Na actual situación de parálise institucional non faltan voces que esixen a declaración de estado de emerxencia que, ao suspender as garantías constitucionais, permitiría derrogar o réxime de inmunidade de Alemán e procesalo, xunto con outros deputados, por varias causas de corrupción; mais a propia situación de empate na cámara parlamentaria impide sumar unha maioría que apoie a adopción desta medida por parte do goberno... Outros moitos opinan que a solución non está na Asamblea Nacional senón na rúa e que a mobilización popular pode inclinar a balanza a favor dos que propugan a limpeza e transparencia na xestión do Estado. A loita contra a corrupción desde a sociedade civil A correlación de forzas no seo da sociedade civil é, como demostran os inqueritos de opinión, absolutamente favorable a adopción de medidas radicais contra a corrupción e a prol do procesamento dos corruptos. Ducias de organizacións sociais veñen de constituír unha Coordinadora Civil que elaborou un auténtico programa de rexeneración insitucional, melloras sociais e reformas legais para facer realidade o Estado Social de Dereiro en Nicaragua. Os seus impulsores sinalan que a loita contra a corrupción e o nepotismo non é conxuntural, senón que pretende estructuralmente "fortalecer as institucións democráticas, reformar o sistema de xustiza, asegurar o acceso permanente á información pública, lograr a transparencia na toma de decisións e a equidade en todas as relacións sociais". ACoordinadora Civil esixe o restablecemento dos consellos institucionais con participación da sociedade civil e a súa aprticipación activa nas negociación dos planos de axuste estructural co FMI, e acompaña as súas esixencias reformadoras coas bases dun programa social solidario:"Establecer unha política de producción no campo e na cidade que asegure o emprego e a alimentación necesaria a milleiros de familias empobrecidas e desempregadas"; ademais de "impedir a privatización da auga potable e revisar a privatización das telecomunicacións", adoptar medidas que garantan "o acceso a servicios de educación e saúde de calidade", e "aplicar unha política tributaria integral que estimule o desenvolvemento con equidade distributiva e que permita recadar os fondos necesarios sen afectar aos sectores de menores ingresos que veñen soportando desde hai anos a maior caraga da estructura tributaria". A mobilización popular podería desequilibrar a actual correlación de forzas institucional, pero nin os bolanistas, nin os sandinistas, queren arriscarse a promover unha acción cidadá de grande calado contra a corrupción por temor a que o proceso se lle escape das mans; non obstante, a todas luces é ben clara encrucillada á que se enfrontan neste momento os nicaraguanos: tolerar acomodaticiamente a corrupta política do Estado-botín ou iniciar unha nova andaína civil para facer realidade a vella demanda de Augusto César Sandino de "construír unha democracia efectiva con xustiza social". Fonte: |