![]() |
|
| Nós | Actividades | Outrasvozes | Titulares | Ligazóns |
|
NICARAGUA • 14/12/2002 Leituras: Á caza das derradeiras
quenllas. Nota sobre o libro de Edward Marriott: Costa salvaje. Tras los últimos cazadores de tiburones de Nicaragua, Alba Editorial, Barcelona 2001. O xornalista Edward Marriott, colaborador habitual da BBC, de The Times e da revista Esquire, publicou no ano 2000 Costa Salvaje, unha reportaxe, case novelada, sobre a pesca da quenlla na Costa Atlántica de Nicaragua e no Gran Lago. Marriott, que se deu a coñecer con The Lost Tribe -un relato da súa viaxe por Papúa Nova Guinea-, narra a vida dos pescadores do famoso tiburón toro, unha especie que foi quen de adaptarse ás augas doces do lago Cocibolca, e constrúe unha descrición de Nicaragua a partir das súas vivencias no sur da Costa Atlántica, no río San Juan e no lago Nicaragua. Unha das curiosidades que máis sorprenden ao viaxeiro que se achega por primeira vez ao lago Nicaragua ou Cocibolca é descubrir que numerosas especies propias dos océanos viven adaptadas ás súas augas doces; de entre todas, a quenlla pertecente á familia Cartharhibidae é a que, rodeada de terribles e fantasiosas historias, máis chama a atención da abraiada audiencia. Jaime Villa no seu libro Peces nicaragüenses de agua dulce dános unha explicación a semellante fascinación: "As quenllas xeralmente incitan terror no público debido a súa mala reputación de antropófagas, aínda que frecuentemente a súa voracidade se esaxera." Durante moito tempo pensouse que as famosas e temibles quenllas do lago Nicaragua eran unha especie de seu bautizada Carcharhinus nicaraguensis; non obstante, actualmente sábese que os exemplares do Gran Lago son os mesmos Bull Sharks ou tiburones toro do mar Caribe. O xornalista Edward Marriott dedica o seu libro Costa salvaje. Tras los últimos cazadores de tiburones de Nicaragua a seguir os pasos desta actividade pesqueira, case artesanal, na Costa Atlántica e no lago, sabedor de que "non hai figura máis vilipendiada pola comunidade de biólogos mariños que a do cazador de quenllas". Atraído pola lenda negra dos Bull Sharks, Marriot traladouse a Nicaragua, "unha terra onde nada era seguro", e comezou a súa procura na Rexión Autónoma do Atlántico Sur (RAAS): "A Costa Atlántica e, noventa quilómetros máis cara ao sur, a foz do río San Juan sinalaban o inicio de todas esas viaxes: por alí, nesas augas turbulentas e cambiantes, asexaba o tiburón toro, o Carcharhinus leucas, a máis agresiva e teimuda de todas as quenllas tropicais. A diferencia das demais da súa especie, posuía a habencia de pasar da auga salgada á auga doce, e subía río arriba ata o lago, percorría a costa, os bancos de area e o tramos salobres e máis baixos do San Juan. Os habitantes da costa e do río cazábana polas súa aletas e o seu aceite, temíana e reverenciábana; cada aldea perdera a alguén víctima das súas fauces. Había quenllas onde non tiña que habelas: en auga doce, en territorio do home." En Bluefields Marriott coñeceu a Arturo Ramírez, un experimentado pescador que a comezos dos anos setenta traballou nas augas ateigadas de quenllas de San Carlos, onde o lago Nicaragua se xunta co río San Juan. "Arturo -escribe Marriott- non sabía o número exacto de quenllas que pescara e abrira en canal, canto diñeiro gañara co seu aceite, as súas aletas e pel neses cinco ou seis anos de esplendor, pero calculaba que arredor dunhas mil." Arturo resume a súa experiencia: "Eramos ricos, cando menos o fomos durante un tempo. Pero aquí estou mellor. Alí, ao final, a auga manchouse de sangue. Demasiado diñeiro, e os homes tornáronse cobizosos." Ramírez será o iniciador de Marriott na captura do tiburón toro nas contornas do caio Iguana e por el saberá de fabulosas lendas e da historia, co seu esplendor e decadencia, da pesca da quenlla na Costa Atlántica: "Todos os regatos de Bluefields, a lagoa e a costa estaban ateigados de quenllas. Non se podía nadar en ningures. Pero despois, nos anos cincuenta e sesenta, comezaron a pescalas polas aletas e a carne, e a quenllas entolemiaron e principiaron a desaparecer." Da man de vedraños pescadores e mareantes, Marriott remonta o curso do río Indio ata San Juan del Norte e por este río achégase ata a súa confluencia co Sarapiquí. Enfrontáse á pasaxe dos rápidos de Bartola e chega a El Castillo, desde onde prosegue a súa viaxe, recollendo testemuños, ata San Carlos -antigo "centro da pesca da quenlla", agora convertido en porto da emigración camiño de Costa Rica- e visita o arquipélago de Solentiname e a illa de Ometepe. Finalmente, arriba a Granada, cidade que, desde 1967, foi sede dunha gran fábrica procesadora de carne de quenlla, propiedade do dictador Anastasio Somoza Debayle. Á cerna da narración de Marriott -explicar o ocorrido ás quenllas do río San Juan e o Lago nas últimas tres décadas- vanse anodando outras novas tiradas da actualidade, como as protestas dos pescadores contra a compañía norteamericana que monopoliza a explotación da lagosta en Bluff ou a crecente permeabilidade da Costa Atlántica ao tráfico de droga; tal e como llo resume un responsable policial, os problemas pesqueiros e o narcotráfico aparecen relacionados: "O oitenta por centro de Bluefields non ten traballo [...] Os colombianos usan esta rexión para o tráfico de droga. [...] A droga converteuse nun estilo de vida. É a maneira máis fácil de gañar diñeiro. Antes de que a lagoa se contaminase e a costa se vira invadida de pescadores de lagosta estadounidenses, cando aínda era abondoso o tiburón toro e os numerosos comerciantes chineses facían subir o prezo mediante a relea, non había necesidade duns ingresos tan deshonrosos." O itinerario literario de Costa salvaje vaise completando con outras historias; a expedición do mariño británico Horatio Nelson, que subiu polo río San Juan en 1780 para conquistar a fortaleza de El Castillo; os desvelos do naturalista Thomas Thorson que na década dos anos setenta e oitenta estudiou o comportamento das quenllas; episodios da insurrección popular contra dictadura somocista -coma o asalto ao cuartel de San Carlos desde Solentiname en 1977-; lembranzas doloridas da loita fronte á agresión dos EE.UU. e a Contra antisandinista; ou a cru represión da resistencia misquita... Pero, alén das digresións históricas e da reconstrucción das máis ou menos fantasiosas lendas, o fío da narración de Marriott identifica claramente a loita dos cazadores de quenllas por gañarse a vida cuns recursos que se esgotan rapidamente. Como pesarosamente lle recoñece un pescador de Solentiname: "Antes había suficientes peixes para todos." En 1943, un reporteiro do National Geographic comprobou abraiado que cando estivo pescando en San Carlos cada cinco ou dez minutos picaba unha quenlla. O espolio do recursos do lago axiña pasaría costosa factura. O biólogo nicaraguano Jaime Villa subliña que "a cantidade de quenllas no lago declinaron marcadamente desde hai poucos anos, probablemente debido a unha actividade pesqueira pequena, pero sostida, na boca do río Colorado, onde está a maior concentración de quenllas". Á luz dos testemuños recompilados por Marriott, a actividade pesqueira non era tan cativa e nos anos sesenta e setenta, primeiro para atender as peticións dos comerciantes chineses da Costa Atlántica e despois para satisfacer a demanda da fábrica procesadora de Granada, as capturas de quenllas nas augas do río San Juan e no lago Cocibolca medraron exponencialmente. Apunta Marriott que "entre mediados dos anos sesenta e principios do setenta [...] a industria pesqueira de quenllas estaba en pleno auxe: cada ano, desde varios sitios diferentes -a boca do río, San Carlos, Granada e as illas de Solentiname-, pescábanse e matábanse entre dez mil e vinte mil quenllas. Era evivente, e ninguén podía cuestionalo, que a situación era insostible, por moito que os pescadores protestaran e dixeran que a natureza era capaz de repoñerse sen o menor esforzo." A poboación de quenllas foi así brutalmente decimada e aínda que moitos pescadores atribúen a desaparición dos escualos á contaminación do río e do lago, non falta voces que sinalan que a súa veloz mingua se debeu á voracidade dos Somoza, que en Granada chegaron a ter contratadas a cincuenta persoas dedicadas a tempo completo á pesca de quenllas. "Nos tempos de Somoza -confésalle un pescador- cada día pescábamos en San Carlos unhas duascentas quenllas [...] A culpa é de Somoza. El é o responsable. Por suposto podes dicir que as quenllas non necesitan protección, pero ¿como ían facer fronte a todos nós? A Somoza non lle importou. O único que lle importaba era enriquecerse." Hai, como non, mariñeiros morriñentos dos pasados tempos que ofrecen outras explicacións máis autocompracentes e xustifican a diminución das capturas por causa da astucia e aprendizaxe de supervivencia dos propios tiburóns toro; así, Félix, un dos pescadores que colaborara nas campañas de investigación de Thorson entre 1972 e 1978, tratou de convencer a Marriott de que "as quenllas seguían vivas, e había tantas como antes; só que ultimamente se agochaban nos lugares máis reconditos para fuxir do xemido das hélices." E teimudo insistíalle: "Esta quenlla decátase de todo o que pasa por aquí, na terra. Non é ningunha imbécil, e por iso estivo escondida nestes últimos anos. Pero segue aquí. Isto segue sendo o seu fogar." Coma se tratase dun epitafio conclúe Edward Marriott: "O lago Nicaragua converteuse en víctima do seu propio éxito: o peixe espada e o tiburón toro foron decimados, e o agora o machaca, o guapote e a mojarra van polo mesmo camiño." Nin o desmantelamento da fábrica de Granada, unha das primeira medidas do goberno sandinista que consideraba a planta procesadora como "o símbolo dunha exploración máis profunda", nin a prohibición das capturas e as duras sancións económicas contra a pesca ilegal frearon a caída do número de exemplares de Carcharhinus leucas viventes nas augas do lago Cocibolca, de modo que, hoxe en día, a quenlla lonxe de ser, coma noutrora, unha presencia ameazante é máis que nada un rechamante engado turístico, unha efectiva icona da que se serven os granadinos para identificar o seu equipo de beisbol ou para ilustar fachendosos a publicidade da famosa cervexa Victoria. Fonte: |