Nós Actividades Outrasvozes Titulares Ligazóns

Outro mundo é posible

Brasil

Colómbia

Guatemala

México

Nicaragua

Sáhara

Palestina

Timor Leste

NICARAGUA • 12/01/2003

Alemán: Pesadelo antes de Nadal.

Por Manuel M. Barreiro

Sandinistas e bolañistas conseguiron a maioría parlamentaria precisa para desaforar ao ex-presidente Arnoldo Alemán e permitir así a acción dos xuíces que lle imputan delictos de fraude ao Estado e branqueado de diñeiro. A detención de Alemán o pasado 13 de decembro pecha un ano político en Nicaragua que estivo tensionado pola loita contra a corrupción.

Cunha gravosa crise económica como pano de fondo, Nicaragua mergullouse ao longo de 2002 nunha aguda crise de gobernabilidade. O novo presidente, Enrique Bolaños, aguilloado polas investigacións dos medios de comunicación e a presión das organizacións da sociedade civil, iniciou unha “cruzada” contra a corrupción. Os desesperados esforzos do ex-presidente Arnoldo Alemán para seguir dirixindo indirectamente o país atoparon multiplicadas resistencias no executivo e no seu propio partido. O caudillismo arnoldista viuse emporcallado por contundentes evidencias de corrupción a grande escala; con todo, Alemán fíxose coa presidencia da Asemblea Nacional e o control da bancada [grupo parlamentario] do PLC. O desaforo converteuse na espada de Damocles que ameazou o pasado ano a supervivencia política de Alemán.

A emerxencia dun novo grupo parlamentario transversal -Azul y Blanco-, que reune a liberais bolañistas, conservadores e disidentes do partido evanxélico Camino Cristinano Nicaragüense, favoreceu a cisma e o desmoronamento paulatino do bunquer liberal. A FSLN soubo beneficiarse desta crise, tecendo unha confiable alianza cos bolañistas, e agardou a que as mobilizacións cidadás erosionasen o bloque arnoldista para mellorar o seu posicionamento na Asemblea Nacional.

Todo parece indicar que a ofensiva cidadá contra o réxime cleptocrático fundado por Alemán comeza a render os seus primeiros, pero aínda febles, froitos democráticos.

2002: o ano que Alemán viviu perigosamente.

O ano 2002 estreouse politicamente coa toma de posesión do novo presidente de Nicaragua, o liberal Enrique Bolaños. O 11 de xaneiro, na súa investidura, Bolaños expresou a súa firme decisión de combatir a corrupción que encoraba o Estado nicaraguano e anunciou unha nova era política presidida por unha acción de goberno honesta. Con todo, Arnoldo Alemán, elixido presidente da Asemblea Nacional, apoiándose no seu férreo control do grupo parlamentario liberal, seguíu a ser o home forte do Partido Liberal Constitucionalista (PLC); de modo que a marxe de maniobra do novo executivo se víu moi coutada polas continuas inxerencias e presións do ex-presidente. Bolaños concentrou, logo, unha boa parte dos seus esforzos en desfacerse das ataduras dos arnoldistas no partido e na área parlamentaria e tentar asegurar así unha maior autonomía política para o seu goberno.

As desavinzas internas do PLC, e dos liberais cos seus aliados do Partido Conservador, tiveron como resultado, a finais de xaneiro, a creación dun novo grupo parlamentario que se denominou “Azul y Blanco” e no que se reuniron catro deputados liberais disidentes (Jaime Cuadra Somarriba, A. Gómez Urcuyo, A. Valle Castellón e M. López Baldizón) e o deputado conservador J. Matamoros.

En marzo, a xuíza Gertrudis Arias abriu un proceso xudicial contra Arnoldo Alemán por presunta fraude ao Estado no caso do Canal 6. Nos seguintes meses, novos casos de corrupción implicarán a Alemán que se zafou dos tribunais debido á súa inmunidade parlamentaria.
No mes de maio Byron Jerez, o principal “operador” de Alemán nas operacións de fraude e lavado de diñeiro, foi condeado e ingresou en prisión, outros altos cargos da Administación arnoldista foron igualmenre condenados e algúns fuxiron de Nicaragua para evitar a súa detención. Bolaños, co obxectivo de acrecentar a súa audiencia cidadá e o seu pretixio democrático, converteuse no voceiro e paladín liberal fronte ao Estado-botín e fixo público que a súa loita contra a corrupción era “impostergable e incaudicable”.

En xuño, os bolañistas, co apoio da Internacional Liberal, convocaron unha Convención Extraordinaria do PLC na que lograron desprazar, parcialmente, aos apoios de Alemán da dirección e elixiron como novo presidente do partido a Alejandro Fiallos. Para soster a súa posición, Alemán ofertou un pacto político a tres bandas -bolañistas, liberais e sandinistas- para enfrontar a crise de gobernabilidade e os principais problemas económicos de Nicaragua. A FSLN fixo pública a súa disposición ao diálogo “pero non cos corruptos” e intensificou a súa alianza “táctica” cos parlamentarios de Azul y Blanco. Os arnoldistas reaccionaron ferozmente lembrando que aínda mantiñan o control efectivo do PLC e da bancada liberal na Asemblea e que, sen a súa participación, non había posibilidade ningunha de aprobar as novas leis e o orzamento do 2003.

Organizacións da sociedade civil iniciaron novas mobilizacións para forzar a Alemán a abandonar os seus cargos e denunciaron a súa blocaxe da Asemblea Nacional. Saíron á luz novas probas que certificaban a responsabilidade de Alemán en graves casos de corrupción e a xuíza Juana Méndez solicitou á AN o inicio dos trámites para desaforar a Alemán. O bloque anticorrupción sumaba daquela unicamente 46 escanos dos 92 escanos do Parlamento, pero, o 23 de agosto, o deputado liberal Fernando Avellán anunciou o seu apoio ao desaforo. Para impedir o debate parlamentario sobre o seu suplicatorio, Alemán impuxo a suspensión de actividades na AN durante tres semanas.

A comezos de setembro, o grupo cívico Conciencia Nacional entregou a Bolaños máis de medio millón de asinaturas solicitando outravolta o desaforo de Arnoldo Alemán e o 20 de setembro 47 deputados (38 da FSLN e 9 de Azul y Blanco) apoiaron a recusación de Alemán como presidente da AN e elixiron unha nova xunta directiva da Cámara que pasou a estar presidida por Jaime Cuadra Somarriba.

O 10 de novembro, a comisión parlamentaria que estudiou a petición de desaforo de Alemán dictaminou que existían indicios máis que suficientes para que a Asemblea Nacional resolvese positivamente a solicitude da xuíza Juana Méndez antes de que oficialmente se cerrase o período de sesións o 15 de decembro. O deputado 47, Fernando Avellán decidiu abandonar Nicaragua e deu a entender que non regresaría para votar favorablemente o suplicatorio contra Alemán. Os 46 deputados sandinistas e bolañistas anuncian, non obstante, a súa disposición a votar o desaforo. O cerco internacional estreitase sobre Alemán e a embaixadora dos EE.UU. fai público que, na súa opinión, a Asemblea Nacional non podía ser utilizada como “refuxio para aqueles que roubaron ao pobo nicaraguano”. A finais de novembro os deputados arnoldistas deixan de acudir as sesións parlamentarias e impiden así formar o quorum necesario. O funcionamento da Asemblea Nacional entálase, freándose a aprobación das novas leis.

Na súa ofensiva contra os ultraliberais, Daniel Ortega proporá a celebración dun referendo para decidir se Alemán debe ser desaforado. Alemán contraatacará pedindo a realización dun referendo para convocar unha Asemblea Constituínte e así acortar o mandato de Bolaños porque a súa administración é “inepta e incapaz”.

A nova xunta directiva da Asemblea Nacional decídese finalmente a abrir expedientes sancionadores contra algúns deputados pola súa continuada inasistencia ás sesións plenarias. O 11 de decembro suspende dos seus labores parlamentarios ao arnoldista Enrique Quiñónez e a deputada de Camino Cristiano Delia Arellano aos que contabiliza ausencias superiores aos 21 días permitidos. A incorporación dos deputados suplentes logrará desbloquear o funcionamento plenario da Asemblea Nacional. Mariano Suárez, o deputado suplente de Delia Arellano, anuncia a súa decisión de votar favorablemente o desaforo de Arnoldo Alemán: “Eu como nicaraguano, como deputado e como pastor evanxélico darei o meu voto a cambio de nada.”

Pesadelo antes de Nadal.

A Asemblea Nacional reunida o 12 de decembro, co voto de 38 deputados da FSLN, 8 da bancada Azul y Blanco e un de Camino Cristiano Nicaragüense, retirou a impunidade ao ex-presidente Arnoldo Alemán permitindo así que poidese ser xulgado por dúas acusacións de desfalco contra o Estado -unha fraude de 1,3 millóns de dólares no desaparecido Canal 6 de televisión- e o branquedado de 100 millóns de dólares do erario público- polos que xa foi condenado en firme Byron Jerez. Tres horas e media despois do seu desaforo, Alemán era arrestado na súa facenda de El Chile, no concello de El Crucero, a 25 km da capital.
O recurso de Alemán alegando a súa dupla inmunidade -como deputado da Asemblea Nacional e do Parlamento Centroamericano- foi refutado por carecer de fundamento xurídico ningún. Vida Luz Meneses, dirixente da Coordinadora Civil, manifestou: “Rsexeitamos argumentos de dobres inmunidades e estamos listos para presionar como sociedade civil para demandar ante o Parlamento [Centroamericano] que non se dea protección xurídica aos corruptos.”

O desaforo de Alemán foi celebrado alegremente polas organizacións cívicas; Vilma Núñez, presidenta do Centro Nicaragüense de Derechos Humanos (CENIDH), declarou a El Nuevo Diario: “[O desaforo] custou moito, o cal demostra o poder dos corruptos e tamén a fraxilidade do sistema [...] Paréceme que comeza a racharse a tradición de que a inmunidade equivalga á impunidade.” Pola súa parte, Enrique Picado, directivo do Movimiento Comunal, sinalou: “Agora o chamamento é ás autoridades para que impartan xustiza [...] tamén é necesario que os recursos malgastados regresen ao pobo.”

Non obstante, a actuación parlamentaria viuse axiña embafada pola decisión de non conceder o suplicatorio doutros dous deputados liberais, Martha McCoy e David Castillo, imputados na fraude do Canal 6, e pola decisión das xuízas Ileana Pérez e Juana Méndez de manter baixo arrestro domiciliario a ex-presidente Alemán.

O desánimo fíxose sentir no movemento cidadán, o sociólogo Óscar René Vargas valora moi negativamente a decisión da Asemblea Nacional de negar o suplicatorio contra McCoy e Castillo: “Se non desaforan a Castillo e McCoy están demostrando que non queren que o caso do Canal 6 se volva revivir, para os que foron acusados non volvan ao cárcere. O non desaforar a Castillo e McCoy significa que queren enterrar o caso do canal 6” e apunta que “todo deputado que é acusado de fraude ou actos ilegais ten que ir ante a xustiza, non pode ser inmune”.

Ao tempo, o procurador especial Iván Lara expresará o seu rexeitamento da decisión xudicial sobre a detención domiciliaria de Alemán: “Parécenos que o feito de que se manteña en arresto domiciliar ao doutor Alemán é negativo para a xustiza porque se está sentando un precedente de desigualdade dos cidadáns antea a lei.” Vilma Núñez, criticará tamén a decisión xudicial e subliñará que Alemán “é un reo como calquera e se lle debe tratar así, sen preferencias, sen privilexios, ten que estar nos cárceres que hai no país [...] só así pagará o dano que lle fixo ao país”.

Entre a clase política dirixente parece asentarse a idea de que despois do desaforo de Alemán e a súa entrega á xustiza, o prioritario non é tanto profundizar na loita contra a corrupción, como asegurar a volta á normalidade, á estabilidade institucional. O alcance do logrado laboriosamente no 2002 é ben limitado. Vargas apunta certeiramente que “a sociedade en xeral cre que iso é bastante, porque (e aí os medios de comunicación tamén teñen a súa culpa) fixeron que a figura da corrupción sexa igual a Arnoldo Alemán. Agora caendo Alemán consideran que se venceu á corrupción, ese é o sentimento xeral”.

2002 deixa uns pírricos logros na loita contra a corrupción. Hai tres evidencias que semellan ser desatendidas de vez pola, cada vez máis oligárquica, clase politica nicaraguana: primeiro, que a chamada volta á normalidade, non é outra cousa que a volta á normal anormalidade dun Estado feble e absolutamente corrompido; segundo, que Alemán non trouxo a corrupción, senón que a corrupción trouxo a Alemán; e terceiro, que existe un indiscutible atume entre a corrupción e a pobreza extrema do país, e que a loita contra a corrupción debe unirse á loita contra a pobreza.

Tres evidencias que de non ser atendidas baleiran de substancia democrática as proclamas retóricas contra a cleptocracia e o Estado-botín. Se as organización da sociedade civil non o remedian, o 2003 ofrecerá un balance aínda máis pobre e veremos cumprirse, unha vez máis, a sentencia lampedusiana sobre a necesidade de cambialo todo para que nada cambie.

Fonte:

Manuel M. Barreiro.

Debuxo:

El Nuevo Diario http://www.elnuevodiario.com.ni/ [La banda del presidente de la República ... La Banda del presidente de la Asamblea]