![]() |
|
| Nós | Actividades | Outrasvozes | Titulares | Ligazóns |
|
OUTRO MUNDO É POSIBLE • 9/12/2002 PRESTIGE • Chapapotistas: mil palavras e unha imaxe
Desculpade a forma destas notas, pero 8000 caracteres para unha crónica sobre a catástrofe do Prestige, e as engadidas, con todo o que está caendo, é difícil, mesmo para un fato de galeg@s. Esperamos que comprendades, tamén, que esta sexa unha crónica de batallas, e, por unha vez, vos pidamos o esforzo da tradución simultánea, como fixo boa parte do voluntariado de a pé procedente do exterior, que xa comezou os seus pinitos na língua do país. Facer-se unha ideia do desastre ecómico e social da mareia negra é relativamente fácil: mais do 10% do PIB da Galiza provén directamente do mar e a povoación enteira de muitos concellos depende exclusivamente da sua explotación; un exemplo, na Ria de Arousa, 8000 acuicultores producen o 40% dos mexilóns que se consumen en Europa e o 20% dos que se consumen no Mundo. E cada posto de traballo directo, induce cando menos 3 indirectos. Se contamos anos para adiante na recuperación das espécies...! En 1970 foi o Polycommander (Baiona e Panxón): 16000 Tm; no 1976 o Urquiola (A Coruña): 20000 Tm; no 1986 o Casón (Fisterra): centos de estoupidos e as nubes tóxicas provocan o éxodo de milleiros de persoas; no 1992 o Mar Exeo (A Coruña): 80000 Tm.... e, agora, o Prestige. A Costa da Morte soporta un dos tráficos mais intensos do mundo e a única protección coa que conta é un corredor (a menos de 50 km dunha das costas mais bravas do mundo!), tres helicópteros, alguns pontos de controlo do tráfico marítimo e meia dúcia de remolcadores de pequena poténcia [chove sobre mollado, posto que cando o do Casón xa houbo un clamor para esixir barcos con doble casco, a inspección rigorosa dos mesmos e o alonxamento do corredor. Resposta do PSOE: nen se inmutaron. Resposta do PP: presionar para que a UE elaborara unha directiva sobre desguace dos petroleiros sen doble casco, a aplicar no ano 2015!, dar a calada por resposta a canta iniciativa houbo no Parlamento español por parte de IU e BNG e rebaixar á metade a partida orzamentária para Salvamento Marítimo por aquilo do déficit cero]. Que se pode dicer das respostas governamentais? Podiamos construir un prestigiário (de prestige + acuário): Fraga, Cascos, Rajoy, El-Rei, Cañete, Del Álamo, Cuco de Mesa, Aznar, Trillo...cunhas cantas pirañas. Mas, o mais importante é explicá-lo, entendé-lo. Na rebeldia do país hai variadas hipóteses: unha oportunidade para cargar-se a poténcia pesqueira galega, que sofre un ataque mui forte da UE através do Comisário Fischer; guerras internas do PP nas sucesións abertas na Galiza e no Estado, conflitos directos na xestión da crise entre duas administracións da mesma corda... Na nosa opinión, sen embargo, pesa mais a ineptitude, o abandono de responsabilidades, o destino no universal, a incuestionabilidade e reforzamento do poder executivo, as bandeiras ao vento e un Estado das Autonomías ninguneado e obsoleto, a escura trama Fraga-Fernández Tapias (sócio-capitalista do remolcador que transladou ao Prestige e compañeiro de caceria de Fraga)-Rich (empresário ianqui, propietário da carga e sócio de Fernández Tapias), o livre mercado que produce monstruos a xeito de carcamáns flotantes sen ningun controlo e a cargo de tripulacións sobre-explotadas, o pretendido auto-regulamento da natureza, o des-regulamento social e económico, a consideración virtual da sociedade que se governa, os poderosos meios de propaganda televisivos. Simplesmente, un exemplo evidente do que saben facer, do mal governo... [Isto provavelmente daria para unha tese, mas..].A manipulación informativa, as óbvias mentiras mediáticas: a realidade (por desgrácia) encarregou-se dia a dia de desmentir as informacións e os pronósticos excesivamente bondadosos do(s) governo(s). Convertiron un accidente en atentado deliberado.. Nesta obcecación por negar a realidade mais nítida o señor Aznar atreve-se a manifestar a sua comprensión, solidariedade e apoio á manifestación do 1 de decembro, dicendo compartir o lema da mesma. A eterna estratéxia do poder: desvirtuar a realidade cunha simples declaración, que ben os e as manifestantes sabemos que ese Nunca Mais non é un berro contra os accidentes, que tamén, senón contra a extrema incompeténcia do governo; porque se sabemos aqui que o que pedia case o 10% da povoación galega concentrada nas ruas de Compostela era a demisión dos responsáveis, a televisión pública pretende matar a reivindicación ante as persoas que só acceden á realidade através do telediario. O povo é quen máis ordena...., ma non tropo Que se pode dicer que hai de novo no país? O cabreo, a vontade
política de facer xustiza e expulsar da Xunta e do Governo
español aos responsáveis do desastre, entrecruza transversalmente
a sociedade galega e fai-se presente á menor oportunidade.
Paralelamente hai unha extensión, sen parangón nas últimas
décadas, da consciéncia nas próprias forzas e
da capacidade de autoorganización. En palabras do Patrón
Maior da Confraria da Illa de Arousa: "é impresionante
o que este povo pode facer". As cousas non son lineais, claro,
e mesmo podemos trazar raias na costa galega, mália que haxa
múltiples excepcións a unha e outra banda: o sur da
Costa da Morte, a ria de Muros e Noia, pode ser esa fronteira. Desde
a beira norte desta ria até praticamente A Coruña temos
unha sociedade fondamente desestruturada, devedora das míseras
pensións non contributivas, con milleiros de viciñas
e viciños -os sectores mais dinámicos da sociedade-
que non deixaron de emigrar nos últimos anos (un concello como
Muros ten mais do 10% da sua povoación censada nas Canárias),
atrapada nas redes tupidas da Xunta e as Deputacións, no furtivismo...
Da beira sur de Muros e Noia para abaixo, a cousa é ben distinta:
as xentes das rias de Arousa, Pontevedra e Vigo son en realidade quen
tocaron a campá e chaman a arrebato. Tampouco a cousa é
lineal neste caso, mas, mesmo vinculeiros do PP no mundo do mar, ven-se
na obriga de enfrentar-se sosiños, sen apoio nengun das suas
autoridades, ao desastre; povos enteiros, como o Grove, Cangas, Oia
ou Cambados (mais tamén Malpica ou Carnota, na Costa da Morte)
organizan-se á marxe dos seus concellos e oferecen unha auto-organización
de base que mostra o dinamismo das xentes de mar e o poderio da própria
sociedade frente ás ineptitudes governamentais. Noutros lugares
como A Illa de Arousa, gobernada polo PSOE, ou a própria Pontevedra,
de alcalde nacionalista, o concello serviu de catalizador da resposta
cidadá. E, claro, estes procesos nun desastre desta dimensión,
adquiren unha dimensión política evidente e explícita. É neste terreno onde o PP pode estar cavando a sua tumba. Quen si cavou a sua, política, entende-se, que a outra xa lla farán, foi Don Manuel [e esta é a imaxe]: o seu enterro non será capaz de xuntar tanta xente como aquela que pediu a sua demisión nas ruas de Compostela o pasado dia 1 de decembro, e desde aquela en dúcias de lugares e concentracións. Definitivamente non estará no Panteón de Galegos Ilustres, con Rosalia e Castelao, e será lembrado como un asasino ennegrecido de merda. Non obstante, non convén menosprezar a capacidade de recuperación do PP, apoiado no seu induvidável controlo social de unha boa parte do país (un país desvertebrado e con dúas velocidades, non o esquezamos) mediante a súa política clientelar e caciquil. E se falamos de Fraga, temos que falar de Xosé Manuel Beiras.
Tristemente -salvando as distáncias, por favor- teñen
compartido a desaparición pública do cenário
do país. No caso do primeiro pode ser menos incomprensível,
que nos asuntos do Estado e do PP, nas liortas internas da Xunta e
da Xunta co Governo estatal as cousas mesmo funcionan deste xeito.
No segundo caso, se ben Beiras apareceu nos primeiros dias nas costas
afectadas, que quen pretende representar un proxecto político
alternativo para un país, renuncie a personalizar sen ambigüidades
uns obxectivos colectivos polos que batallar (esixéncia de
médios, dimisión da Xunta, responsabilidades de Aznar
e cia.., apoio ali onde o povo é quen mais ordena...), resulta
surrealista. Sen embargo, esta é a face colectiva de boa parte
da dirección do BNG, agás honrosas excepcións
-o Alcalde de Pontevedra, o de Vigo, ...-. Aprovamento dunha Comisión
de Investigación no Parlamento Galego (co apoio unánime
dos tres grupos, PP, PSOE e BNG!!), moción de censura de segundas,
tras o PSOE, para o dia 12 deste mes, solicitude de comparecéncia
de Rajoy no Congreso español e intervención consecuente
do deputado Francisco Rodríguez na mesma. E ademais?. Pois
a esforzada militáncia, sen a que non se poden entender nen
o asociacionismo de base, nen a morea de plataformas e comités
que hoxe inzan o país: dende as Plataformas Nunca Mais artelladas
nacional e comarcalmente, nas que PSOE, UGT e CCOO non se teñen
integrado polo de agora, até a Plataforma contra a Burla Negra,
composta por xentes da cultura de toda condición. O PSOE xoga a carta instituzonal de alcaldes e deputados europeos
e tenta instrumentalizar as mobilizacións -ainda que con meteduras
de pata, como a convocatória mediática de CCOO e UGT
a un paro de catro horas para o dia seguinte das mocións de
censura, agora mesmo desconvocado-, para reforzar o papel de Emilio
Pérez Touriño e Rodríguez Zapatero como senllos
líderes da oposición. Aproveita o flanco aberto pola
orientación deseñada pola franxa máis posibilista
do BNG logo do refluxo eleitoral das últimas autonómicas,
aquela do "diálogo" con Fraga e o PP -que, todo hai
que dicé-lo, comezou co acordo de deseñar o PP e o BNG,
conxuntamente, o desenvolvimento na Galiza da LOU (ademais de comidas
compartidas e comparecéncias de Fraga no Parlamento Autónomo),
xustamente despois das maiores mobilizacións universitárias
da história de Galiza, contra esa lei-. Logo de te-la desbotado
a dirección do BNG, o PSOE adianta-se na moción de censura
e orienta, cando menos, a sensibilidade das suas xentes -que teñen
demostrado, ademais, unha presenza estrutural territorial e sectorialmente
no país-; e, ao tempo, da-lle unha perspectiva cómoda,
institucional, ao conxunto da sociedade para esixir responsabilidades.
O BNG canea como pode a situación, até que finalmente,
en mui más condicións, a rasto, remata por sumar-se
coa sua própria moción cun ton forzosamente menor...
e que mais? Non nos equivocaremos muito se dicemos que as bases de apoio do BNG,
se atopan divididas entre duas "sensibilidades": unha delas,
a que manda, parece desorientada, sen ideias claras, atrapada na via
dialogante con quen son os sepultureiros de todo un país, ocupada
na mantenza de equilíbrios desacougantes entre proxectos políticos
diferentes que nen sequer teñen a capacidade de definir-se
diante da sociedade, á espera da desfeita espontánea
nas bases populares tras a morte do fenómeno Fraga.... A outra
é unha boa parte da coluna vertebral da resposta social e política
posível deste país, está-o sendo agora mesmo,
mesmo sen o auxílio preciso da maioria dos seus e as suas dirixentes.
Isto ocorre tamén a pé de obra: é desacougante ollar, o mesmo dia no que centos de milleiros de persoas manifestantes berran desesperadas e conscientes por todas as demisións precisas, unha mensaxe da Consellaria de Médio-ambiente, o Ministério español do ramo, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Federación Ecoloxista de Galiza (FEG), asinar unha páxina de publicidade na prensa falando de como limpar a costa. Pior ainda que iso: no méio dunha enxurrada de solidariedade e indignación, é bastante mais sério voltar a ver como os mesmos protagonistas asinan en todos os meios de comunicación unha chamada a non sermos voluntári@s na fin de semana do día 6 de decembro porque: sobra xente?, ou faltan medios?. Eis como corresponsabilizar-se da ineptitude da Administración e da desfeita que iso leva de seu. Tampouco semella clara a opción da CIG a prol dunha folga xeral reclamada dende sectores cada vez mais amplos, e, polo de agora, adiada sine die. Voltando ás bases de apoio, recuperando a terminoloxia para-zapatista: somos chapapotistas!. Salvando as enormes distáncias, o fenómeno, a esta alturas, ten algo de semellanza, sobre todo para explicarmo-nos. Na Galiza a hipermetropia é unha endémia, a xente está afeita a mirar e ver no exterior, a distáncia, ao lonxe, polo que a mirada próxima ten outro valor, normalmente menos preciso. É por iso que o conto rompe duas veces na representación política: non se ten apreendido aquilo de mandar obedecendo; é unha mágoa dolorosa e, se non hai rectificación, parece que dificilmente terá volta atrás. Nen para tomar impulso. Iñigo Berriochoa, Dionísio Pereira, Mercedes Raíces, Alberte Pagán, Lola Varela (do Coletivo Vences) Galiza; 9/12/02 Fonte: Colectivo Vences, Artigo escrito para Viento Sur http://www.nodo50, org/viento_sur Para saber máis: http://www.adegagaliza.org |