![]() |
|
| Nós | Actividades | Outrasvozes | Titulares | Ligazóns |
|
PALESTINA • 06/09/2002 Conversa con Ahmad Sa'adat, secretário xeral da Frente Popular para a Libertación de Palestina.
P. Por que estás aquí? R. Estou aquí por simples razóns políticas. Israel solicitou, co apoio de EEUU (como sempre), da Autoridade Palestiniana (AP), a entrega das persoas implicadas no asasinato do ministro de Turismo israelita. A AP, que xa non era digna de confianza, realizou este acordo coa CIA e aplicou un acordo entre Israel e EEUU que non ten nengunha base legal ou xurídica e é contrária á xustiza. Os meus camaradas foron xulgados segundo a lexislación israelita por un Tribunal Palestiniano Especial, cuxos membros nunca tiveron nengunha responsabilidade no ámbito lexislativo ou xudicial. Os meus camaradas recibiron sentenzas de entre un e dezaoito anos de cárcere, mentres, no meu caso, fun detido e encarcerado por ser o secretário xeral da Frente Popular para a Libertación de Palestina (FPLP) sen acusación formal nen xuizo nengún, estando, segundo o acordo que a AP formulou, nunha situación de aillamento e privado de toda actividade política e informativa. Máis adiante, o Tribunal Superior de Xustiza palestiniano ditou a sentenza da miña posta en liberdade, mais sigo aqui e ao parecer a ninguén lle concerne a sentenza. Asi pois, estamos nun cárcere palestiniano mais, ti mesmo puideches comprobá-lo, os carcereiros son membros do servizo de intelixéncia británico e estadounidense cuxa función é vixiar se a AP aplica o que Israel demanda, sendo eles os que mandan neste cárcere, o que quere dicer que en realidade estamos nun cárcere israelita. Viche como ao entrar no cárcere, os carcereiros palestinianos tomaron nota dos teus dados?, pois ao final do dia entregarán-os aos británicos e estadounidenses; é por iso que poucos se atreven a me visitar. P. Hai uns dias comezou o xuizo contra Marwan Bargouthi que foi amplamente cuberto polos meios de comunicación, mentres manteñen siléncio absoluto sobre ti e os teus camaradas? R. En primeiro lugar quixera aclarar que é importante e necesário falar sobre Marwan; eu son un dos que reivindican iso, non por ser Marwan Bargouthi, senon porque el poderia ser o emblema dos prisioneiros palestinianos nos cárceres israelitas. En segundo lugar, e en canto ao siléncio sobre a nosa situación, afirmo que o primeiro respnsábel é a AP xunto coas ONGs. Estamos aqui porque se lle pediu á AP que nos encarcerase en Xericó: o visto e prace dos responsábeis palestinianos para deter e encarcerar a membros da resisténcia palestiniana, demostra, sobre todo, a confirmación do estado de siléncio e impoténcia. Estamos aqui porque no seu día liquidamos a Zeivi, ministro de Turismo israelita de extrema direita e racista que solicitou a expulsión dos palestinianos a Xrodánia. Zeivi foi un dos membros do governo israelita que sistematicamente apoiou o proxecto de liquidación e asasinato dos líderes da resisténcia palestiniana, ademais de ser un dos que solicitaron o asasinato de Abu Ali Mustafa (asasinado o 27 de Agosto de 2001). Por iso, a resposta tiña que ser do mismo nível liquidando aos seus responsábeis e dirixentes, mais a AP, en lugar de solicitar a entrega dos asasinos dos nosos dirixentes e resistentes palestinianos, replegou-se e someteu-se ás exixéncias do governo israelita, impoñendo o siléncio máis absoluto como actitude cara a min e aos meus camaradas. Todo o que a AP conseguiu facer é axudar aos israelitas a introducir o nome da FPLP na lista de "organizacións terroristas" dentro da UE, atopando-nos, desde entón, co rexeitamento de moitos partidos comunistas para manter encontros con nós. Este rexeitamento que xa existia, foi en aumento, por exemplo, co Partido Comunista Francés que veu para se atopar coa esquerda palestiniana e rexeitou formalmente entrevistar-se connosco. O mesmo ocorreu co Partido Comunista Chipriota. Todo iso contribuiu a aumentar o noso aillamento e o estado de siléncio que rodea a nosa situación. P. Falas da unidade das forzas palestinianas, como ves esta cuestión estando detido por un acordo da AP? R. A cuestión é moi complexa. Hai moitos membros de al-Fatah e do seu liderado que participan nas concentracións e manifestacións exixindo a nosa posta en liberdade, e este sentimento vai en aumento criando contradicións, dentro do mesmo movimento de al-Fatah, sobre o papel que está a xogar a AP e o papel que dela demandan os dirixentes da resisténcia palestiniana. Resumindo, a AP quere paralisar o movimento de resisténcia para continuar o diálogo con Israel en contra do desexo do povo palestiniano e dos partidos políticos. Despois do fracaso dos Acordos de Oslo, queremos mellorar a situación, queremos unha verdadeira estratéxia, unha estratéxia de defensa e resisténcia que permita realizar todas as demandas do povo palestiniano, erixidas sobre unha verdadeira sociedade democrática. O movimento de al-Fatah, xunto con todos os partidos palestinianos, está de acordo hoxe en construir unha presidéncia temporal que dirixa o movimento de resisténcia palestiniano. Mais o que está claro hoxe é que a AP non quere ouvir nada desta presidéncia temporal que poderia cuestionar a própria AP. Está claro hoxe que a AP é un impedimento para o movimento de resisténcia palestiniano, porque representa, especialmente, os intereses da burguesia palestiniana e, ao mesmo tempo, os intereses de Israel e non representa, de nengunha forma, os intereses do povo palestiniano. A AP non ten nengún interés na continuidade da Intifada, é máis, quere dar fin á resisténcia, podendo sentenciar que os intereses do povo palestiniano se opoñen completamente aos da AP. Cada vez que [no pasado] requerimos a unidade palestiniana de todos os partidos, xurdia un problema chamado AP. P. Como vedes a situación actual? R. Para entende-lo deberiamos volver aos Acordos de Oslo [de 1993], un simple proxecto comercial entre a burguesia palestiniana e a ocupación israelita. Israel conseguiu através de Oslo facer que a OLP renunciase ao seu programa e á sua estratéxia perxudicando perniciosamente as condicións da vida diária do povo palestiniano. Lembras aquela época en que a OLP tiña dificuldades económicas, especialmente a raíz da Guerra do Golfo?, pois ben, Oslo ven oferecer a posibilidade de indenizacións financeiras grazas a uns importantes acordos comerciais. O pacto de Oslo non é un acordo político que leve a solución para o povo palestiniano, senón que é un programa que inclue cuestións comerciais e de seguridade, por suposto, para Israel. Mais apesar de todos os resultados desastrosos do pacto de Oslo que ti coñeces perfeitamente, hai unha realidade básica que o Acordo de Oslo deu, e é impedir e limitar a existéncia de calquer outra solución que sexa recoñecida como tal, se non pasa através do marco de Oslo e negociando con Israel. O FPLP chama á supresión de todo diálogo ou negociación con Israel; hoxe chegamos a unha situación en que a única causa que existe é a que hai entre o colonialista e o colonizado, entre a causa do povo palestiniano e a entidade israelita, e ante a que a AP adopta unha postura contemplativa, tratando de recuperar o seu domínio e a sua autoridade custe o que custe. P. Cal é a estratéxia a seguir para recuperar un forte movimento nacional palestiniano? R. A resisténcia é a única eleición, precisamente polas razóns que espuxen anteriormente. Actualmente e apesar das dificuldades en que se vive, podemos ver que a continuidade da resisténcia palestiniana ten consecuéncias para Israel a nível económico e social; o derrube vai en aumento, sobretodo nos últimos meses. Debemos construir bases populares para a continuidade da resisténcia e do seu fortalecimento, e é preciso a construción dunha resisténcia popular aberta a todos, onde todos os sectores da povoación atopen o seu papel evitando, asi, erros do pasado cando parte do povo oferecia os sacrifícios, e a burguesia recollia os frutos, sendo a única beneficiada. Non temos de separar a resisténcia á ocupación da loita por unha sociedade democrática; hoxe debemos tratar de construir unha OLP democrática, que represente todos os intereses do povo palestiniano con todas as suas clases e, por suposto, que inclua aos refuxiados que están no exterior. O outro elemento básico é que a nosa loita deberia emarcar-se dentro do ámbito internacional, o que quere dicer que debe emarcar-se [na loita] contra o capitalismo global. Israel é un estado cuxo obxectivo primordial é protexer os intereses do imperialismo internacional na zona e é por iso polo que a nosa loita ten de ser unha loita contra o capitalismo global. A cuestión palestiniana é considerada como unha das máis importantes do mundo, polo que temos de construir unha resisténcia que se posicione xunto aos movimentos nacionais de libertación en contra do capitalismo. O apoio que nós precisamos é un apoio contra o imperialismo mundial e creo que está claro que os movimentos anti-globalización empezan a evolucionar xogando un papel claro nos últimos anos. Se quixermos ter éxito debemos construir un movimento de resisténcia popular, mais ao mesmo tempo, nunca temos que separar a loita local e a loita global, tendo en conta que a loita será máis clara cando sexa en contra do imperialismo, do capitalismo e da globalización. P. Falamos da estratéxia, mais non falamos de programa político... R. No FPLP acreditamos en que a solución sostida en "dous Estados para dous povos" é unha solución que non ten vida nen continuidade, en primeiro lugar pola nosa absoluta convición de que o método de Israel e o próprio Estado de Israel seguirán sendo como os de agora. En segundo lugar, hai que responder a duas cuestións. Primeira, os refuxiados palestinianos e o seu direito ao retorno: estamos a falar da metade do povo palestiniano cuxo direito ao retorno é sagrado, lexítimo e está fóra de toda discusión. Coa solución de "dous Estados para dous povos", o direito ao retorno nen siquera está exposto a debate, é posíbel que os refuxiados vivan en Gaza e Cisxordánia?, viche onde empeza o problema? Segunda, os árabes de 1948, que son perto de un millón duascentas mil persoas e que ao viveren baixo a sombra do governo de Israel están asfixiados, oprimidos por un réxime colonialista, vedes onde realmente radica o conflito? A única solución real é o fin da ocupación, o retorno dos refuxiados ás suas casas, ás suas cidades, ás suas aldeas e despois atopar unha Autoridade Democrática sobre a terra de Palestina histórica. Esa é a única solución lexítima e xusta, mais por suposto debe ser exposta a nível internacional, sendo esta solución, na actualidade, inaceptábel para o imperialismo mundial. Debemos ser conscientes de que a nosa batalla é longa, mais co tempo e coa solidariedade internacional alcanzaremos os nosos obxectivos apesar da dificuldade desta etapa. O futuro non poderia ser senón menos tenebroso, dentro dunha visión optimista. Fonte: Comité de Solidariedade coa Causa Árabe, http://www.nodo50.org/csca/palestina.html |