CASTRO DE CERDEIRA


Moi cerca de onde pasa hoxe a autovía das Rias Baixas, o seu paso por Allariz, situado nun curuto preto do pobo de Cerdeira, no concello de Xunqueira de Ambía, atópase este castro, moi deteriorado polo paso dos anos e o pouco coidado que houbo en mantelo conservado. Ainda así, encontráronse cousas moi curiosas que merece a pena mencionalas.
Na rocha que fai de cume do monte onde se asenta o castro hai unha cadeira ou sela, claramente escavada a man tenta. O redor do cume, nun radio de 150 m., esparexíanse as casas castrexas, a xulgar polos restos que se atopan. Do castro baixa unha canella. Na parte mais baixa do castro atopáronse grabados moi interesantes. Pódense distinguir varios tipos de casiñas castrexas, unhas delas tipicamente celtas e outras con influencias romanas.
Neste castro atopáronse moitas cousas interesantes coma son: pías de pedra, redondas e cuadradas, moitos muiños, prisións do gado ou amarradoiros, ademais atopáronse anaquiños de cerámica arredor do outeiro por calquera parte, tamén escoiras de ferro e restos de cravos, etc.
Na beira mais baixa do castro, por onde están as graburas, a unhos 250 m. do curuto para o noroeste, está o que a xente chama "A Fontiña das Mouras". E unha grande pía de pedra, ten 3,5 m. de longo por 3 metros de ancho. No medio ten 0,5 m. de fondura. Perto da Fontiña das Mouras hai unhos penedos regulares, asentados á maneira de solaina, dise que era onde as mouras se iban peitear.
O castro de Cerdeira estivo habitado, polo menos, deica fins do século segundo, porque atopouse unha moeda do emperador Marco Aurelio. Sería entonces cando deixaron esta fragosa paraxe e foron fundar Cerdeira á beira da fonte e do val.