CASTRO DE VILADONGA
As rutas mais doadas de acceso a Viladonga son:
- Dende Lugo a 23 Km. ó noreste pola estrada de Asturias(N-640)
- Dende o norte de Galicia pola estrada comarcal de Abadín a Rozas
apartando en Castro de Ribeiras de Lea e chegando directamente por Ansemar
ou a través daquela N-640 por Ludrio
- Dende A Coruña desviándose en Outeiro de Rei cara a Castro de
Ribeiras de Lea e seguindo logo calquera das rutas antes citadas
O castro de Viladonga é un xacemento arqueolóxico que ocupa
toda a coroa dun monte, a uns 550 m. de altitude, enclavado no borde N.E. da
Terra Chá lucense e cerca xa da Serra de Meira.
E un verdadeiro arquetipo ou modelo formal de castro, coa súa acrópole
ou croa, as súas murallas e foxos e os seus antecastros. Debido á súa
monumentalidade e ós achados cauais, (coma o torques de ouro aparecido en 1911,
hoxe no Museo Provincial de Lugo)por medio da iniciativa de Ramón Falcón
Rodríguez e baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas, realizáronse
escavacións e traballos arqueolóxicos no Castro de Viladonga dende
1971 ata 1978. Puxéronse ó descuberto nesta Primeira Fase de escavacións
moitas estructuras de habitacións ou doutro tipo na croa, así como boa parte
do seu sistema de murallas.
Despois duns anos de intervalo, desde 1982 en adiante continuáronse os traballos nunha
Segunda Fase, primeiro limpando e consolidando o xa descuberto e logo proseguindo as
escavacións no Castro, tanto en profundidade como en extensión, asimesmo
procedeuse á clasificación global e ó primeiro estudio dos materiais
aparecidos con vistas á futura montaxe dun Museo.
O conxunto do xacemento ten unha extensión aproximada duns 40.0000 m. cuadrados
dentro das súas murallas mais exteriores, deles uns 10.000 corresponden á croa,
que é de forma cuadrangular irregular cos ángulos redondeados.
Entre os achados producidos nas escavacións poden destacarse, á hora de definir
cultural e cronoloxicamente o xacemento, os seguintes:outro torques de ouro similar ó
aparecido en 1911, contas de colar e outros adornos diversos, un anel de ouro e outros de bronce,
ferro e acibeche, unha arracada ou pendente de ouro, dous áureos do augusto Arcadio(entre
numerosas moedas como antoninianos, semisses e folles), así como diversas mostras de
apliques, broches, fíbulas e febillas, pasarrendas e outros arreos de cabalería,
compasses e balanzas, ferramentas e armas de pedra, ferro e bronce, dous taboleiros de xogo
en pizarra e unha inxente cantidade de cerámica de tradición castrexa, común
romana e terra sigillata, así como innumerables elementos constructivos (tanto pesas de
colmo como tégulas e ímbrices) e abundantísimos muíños manuais,
sobre todo de tipo circular.
Todos estes materiais, xunto coa organización espacial interior do Castro, as súas
construccións(cuadrangulares, circulares, mixtas..., grandes e pequenas...), e o propio
sistema defensivo, son todas elas evidencias dun asentamento continuado e estable que é
importante, sobre todo, en época tardorromana ou baixoimperial(séculos III ó V
despois de Cristo).
Todo isto fai do xacemento de Viladonga un exemplo paradigmático dos castros que se ocupan
despois da conquista romana do Noroeste, e convírteo nun sitio clave para estudiar
e entende-lo desenvolvemento e a evolución da Cultura Castrexa na etapa galaico-romana, xa
que coñece o seu auxe naquela época tardía, conservando estructuras e materiais
de tradición anterior, dos castros da Idade do Ferro, pero aportando rasgos e elementos culturais
foráneos procedentes doutras partes do Imperio Romano.
O pé do castro existe un Museo Monográfico que complementa de xeito decisivo o disfrute
e o uso social e cultural do sitio, aínda que a comtenplación e a valoración da paisaxe
e do contorno natural no que se acha poida merecer tamén, de seu e sen outros engadidos, a visita
a Viladonga.
